Hoxe, luns 5 de xullo, arrinca o Diververán 2021 do Concello de Rois cos horarios e nos lugares estipulados, logo de que se adiase o seu comezo a semana pasada porque unha persoa do equipo de monitores deu positivo en covid-19 e dende o Sergas solicitaron activar o protocolo correspondente.
Coa fin de iniciar o Diververán canto antes, o Concello decidiu facer unha reestruturación no equipo de persoal e contratar dous monitores para substituír ao persoal que debe permanecer en corentena. Ademais, dende o Concello de Rois solicitóuselle ao Sergas que fixera unha PCR a todo o persoal, aínda que non estivera en contacto directo coa persoa positiva.
Unha vez feitas as probas PCR a todo o equipo de persoal do Diververán, con resultado negativo na totalidade dos casos, o Concello de Rois tomou a decisión de comezar a actividade este luns. Dende o Concello comunicóuselle esta situación a todas as familias con nenas e nenos inscritos no Diververán. Agradece a súa comprensión polas molestias causadas e o seu apoio.
Nota do 30 de xuño
O equipo de persoal do Diververán 2021 comunicou ao Concello de Rois esta tarde, mércores 30 de xuño, a sospeita dun positivo en covid-19, motivo polo que se apraza o comezo desta actividade.
Dado que nas últimas 48 horas o equipo de monitores e monitoras estivo reunido traballando na organización das actividades, as directrices indican que debemos agardar ao estudo de contactos e aos resultados das probas que farán as autoridades sanitarias.
Por este motivo, e como medida de prudencia, o Concello de Rois decidiu aprazar o comezo do Diververán 2021, que estaba previsto iniciase mañá as súas actividades coa asistencia de máis de 160 nenos e nenas.
O vindeiro domingo, a medida que no concello se vaia tendo máis información, explicaráselles de novo ás familias dos nenos e nenas inscritos cal é a situación.
A intención do Concello e poder comezar co programa de conciliación Diververán 2021 en canto as circunstancias sanitarias o permitan.