Áreas de goberno

Ramón Tojo Lens. Alcalde. P.P. Corporación Municipal de Rois

Alcaldía

Ramón Tojo Lens

Establecer as políticas activas que faciliten o progreso do municipio e melloren a calidade de vida da veciñanza son as funcións primordiais do alcalde de Rois, que é, ademais, o responsable de dirixir o goberno e a administración municipal.

Como máximo representante do Concello, o alcalde é o responsable do desenvolvemento da xestión económica municipal, de acordo co orzamento aprobado.

Para o desempeño do seu labor, o alcalde conta cos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno e coa colaboración dos e das alcaldesas de barrio e dos celadores e celadoras das diferentes aldeas.

Manuel dos Santos Rodríguez. P.P. Corporación Municipal de Rois

Primeiro tenente de alcalde

Manuel dos Santos Rodríguez

O primeiro tenente de alcalde colabora estreitamente co alcalde no desenvolvemento das políticas do equipo de goberno e asume funcións de coordinación co resto de concellerías, para o desenvolvemento dunha xestión máis eficaz que redunde en beneficio da veciñanza.

É o representante do Concello de Rois na Asociación de Concellos do Camiño de Santiago pola Ría de Muros-Noia, no Grupo de Desenvolvemento Rural Deloa e na Asociación de Entidades Locais pola Lingua.

Mercedes Basante Ares. P.P. Corporación Municipal de Rois

Asuntos Sociais e Emprego

Mercedes Basante Ares

A área de Asuntos Sociais ten como prioridade atender as necesidades básicas das persoas e familias que residen no municipio, especialmente daquelas que se atopan en situación de vulnerabilidade por diferentes motivos. Dende o Concello desenvólvese un amplo catálogo de servizos e prestacións, en coordinación con outras administracións, para atender a diversidade das demandas sociais, priorizando os programas de prevención, promoción e desenvolvemento da autonomía persoal.

A área de Emprego desenvolve políticas tendentes a facilitar a incorporación das persoas ao mercado laboral e de mantemento do emprego de toda a veciñanza, contribuíndo, deste xeito, á promoción económica e ao desenvolvemento local.

Martín del Río Gestoso. P.P. Corporación Municipal de Rois

Educación, Xuventude e Deportes

Martín del Río Gestoso

A Concellaría de Educación, Xuventude e Deportes ten por obxectivo achegarlle á comunidade educativa propostas e actividades que apoien a integración escolar do alumnado, complementen a formación que recibe nos centros educativos e faciliten a conciliación familiar. Mantén unha relación fluída con todos os integrantes da comunidade educativa (profesorado, alumnado e familias).

Na área de Xuventude desenvólvense actividades que favorecen e complementan a formación da xuventude en diferentes ámbitos. Promove intercambios internacionais para que os mozos e mozas de Rois poidan coñecer outras culturas e realidades.

A área de Deportes fomenta a práctica deportiva en múltiples disciplinas para xerar hábitos de vida saudables e de traballo en equipo, realizando programas deportivos adaptados a todas as persoas e ofertando actividades de ocio e tempo libre. Colabora activamente cos distintos clubs e agrupacións deportivas do municipio, informa sobre as actividades e eventos nos que participa o Concello ou que considera de interese para a veciñanza, e xestiona o uso dos equipamentos e das instalacións deportivas municipais.

Victoria Quiroga Ramallo. P.P. Corporación Municipal de Rois

Cultura

Victoria Quiroga Ramallo

A área de Cultura encárgase da defensa e posta en valor do patrimonio histórico, da promoción e programación cultural e da xestión dos equipamentos culturais do municipio. O fomento da lectura, o coidado e o mantemento da biblioteca, a relación coas asociacións municipais e a dinamización das actividades culturais son outras das funcións desta área.

O Concello de Rois conta cun Servizo de Normalización Lingüística, que ten por obxectivo incrementar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos do termo municipal. Ademais de garantir a calidade lingüística na actividade da propia administración local, este é un servizo aberto á cidadanía e a colectivos, entidades asociativas, empresas e centros de ensino.

Manuel Cobas Rey. P.P. Corporación Municipal de Rois

Medio Ambiente

Manuel Cobas Rey

A área de Medio Ambiente ten entre os seus principais obxectivos coidar, preservar e por en valor o medio natural para contribuír a mellorar a calidade de vida da veciñanza. O fomento da reciclaxe de residuos, do coidado dos ríos e do territorio e a mellora das redes de abastecemento e de saneamento no municipio contribúen a conseguir ese obxectivo.

Carlos Ares Villar. P.P. Corporación Municipal de Rois

Obras e Urbanismo

Carlos Ares Villar

O departamento de Urbanismo ten como eixes básicos de acción o desenvolvemento e revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal e as obras de urbanización necesarias para mellorar a calidade de vida da cidadanía. O acondicionamento e mantemento de infraestruturas, vías de comunicación, núcleos, sendas viarias, edificios municipais e alumeado público, así como a aposta pola sustentabilidade e pola integración do territorio e da paisaxe de xeito ordenado son outros dos cometidos desta área de goberno.