Queres coñecer un lugar onde se conserva a esencia da Galicia tradicional?
Ven a Rois
O noso patrimonio arquitectónico conta con moitos núcleos de interese nos que atoparás construcións civís típicas que aínda manteñen hórreos, pombais ou alpendres. Tamén darás con estruturas de uso comunitario, como fontes, lavadoiros, muíños ou pontes que seguen en funcionamento en moitos dos casos.
A auga está presente en boa parte do territorio de Rois. As fontes, que tiñan uso doméstico e servían como bebedoiro para os animais, espállanse polo noso rural e nalgúns casos se lles atribúen ás súas augas poderes de curación. Recomendámosche achegarte ás da igrexa de Augasantas, a capela de Soutullo (Urdilde) ou a igrexa de San Mamede.
Tamén muíños e hórreos vencéllanse ás augas dos ríos. Non perdas o conxunto de Casas do Porto en Buxán. De grande interese é así mesmo o conxunto de Casas Novas, en Herbogo, mentres que o de Portela, en Moares, pasa por ser un dos máis grandes do municipio.
E, se queres ver pombais, has saber que en Rois destacan por ser moi numerosos. Só na aldea de Ferreiros (Costa) hai xa catro e rara é a casa reitoral que non conta co seu.
Por outro lado, a auga deulle vida en Rois á primeira fábrica de papel galega, construída no ano 1710 nun dos dous únicos pazos que naceron con fins industriais en Galicia. Trátase do Pazo do Faramello, o máis visitado da comunidade. A súa balaustrada, a capela cun retablo de José Gambino ou a súa idílica localización á beira do río Tinto son algúns dos seus moitos encantos, dos que gozou o rei Alfonso XIII e foron cantados por escritores como Emilia Pardo-Bazán, Rosalía de Castro ou Camilo José Cela. Faramello é, ademais, o último pazo polo que atravesa o Camiño portugués antes de chegar a Santiago.
Outros pazos aos que paga a pena achegarse son o de Angueira de Castro, que domina a arquitectura tradicional de toda a aldea, e o de Antequeira, construído sobre unha casa grande do século XVII. Con tres corpos e unha característica balconada barroca, o pazo de Antequeira conta cunha capela, unha fonte cunha imaxe de San Vicente predicando, un pombal e un cruceiro.