Pegadas históricas
Os carreiros de Rois coñecen de vello o paso dos peregrinos e peregrinas. Rutas medievais que collen forza na actualidade co acondicionamento e coa sinalización dos sendeiros que conducen á tumba do Apóstolo Santiago.
Como todas as boas historias, cómpre comezar a narración polo principio. A tradición xacobea sitúa no actual termo municipal de Rois un dos episodios máis importantes e líricos da traslatio, como se denomina a chegada dos restos do Apóstolo Santiago a Compostela: a visita dos discípulos que traían o corpo desde Palestina, por mar, ao Castro Lupario, onde a Raíña Lupa tratou de enganalos enviándoos ao Pico Sacro, no que pacían rabaños de touros bravos.
Hoxe en día, dúas rutas xacobeas atravesan o concello de Rois, unha delas ao pé da lendaria cidade da Raíña Lupa. É o Camiño Portugués, que tomou relevancia sobre todo a partir do século XII e que a día de hoxe é o segundo trazado máis importante canto a número de peregrinos. A outra é o Camiño de Santiago pola ría de Muros-Noia, oficial dende finais de 2020; isto é, que acredita coa Compostela a súa realización.