Cruceiro da Devesa (Buxán - Rois)

Arquitectura relixiosa

Queres ver de preto cruceiros de capeliña ou un dos poucos que representan o desencravo de Cristo?

Ven a Rois

Hai máis de 130 cruceiros en Rois, unha cantidade que chama moito a atención. Responden a distintas tipoloxías e algúns destacan pola súa antigüidade. O de Vilachán ou de Costa pasa por ser un dos primeiros de Galicia. Presenta unha inscrición co ano 1355, aínda que xorden moitas dúbidas de que corresponda á data da súa construción. Hai autores que sosteñen que se reescribiu e que debaixo do 3 houbo un 5, datándoo a mediados do século XVI, e outros que pensan que o ano se engadiu posteriormente e dá conta dalgún acontecemento importante. Trátase, en todo caso, dun cruceiro chamado de capeliña, aqueles que no canto dun piar presentan unha capela con imaxes no interior. Outro elemento tradicional no que te podes fixar é a mesa pousadoiro que ten diante e que se empregaba para pousar os cadaleitos de camiño á igrexa ou ao cemiterio, momento que se aproveitaba para rezar algún responso ou oración.

Cruceiro da Costa

Tamén de capeliña, e de mediados do século XVI, é o cruceiro de Seira ou da Santiña.

Outro cruceiro que hai que visitar é o de Vilariño, un dos escasos exemplares nos que se representa o desencravo de Cristo. Os estudosos cren que pode atribuírse a Andrés Castaño, coñecido como Santeiro Vello de Chave, e foi construído no ano 1888.

Cruceiro Cruz da Fonte en Urdilde
Cruceiro da Devesa (Buxán - Rois)
Cruceiro de Aigres (Leroño - Rois)
Cruceiro de Carrais (Herbogo - Rois)

A foto máis vistosa podes sacala no Viacrucis de Sorribas, conxunto formado por doce estacións e un calvario que foi levantado a finais do século XVII por subscrición popular e que se atopa espallado por unha fermosa carballeira.

Cruceiros de Sorribas Viacrucis

No patrimonio arquitectónico e relixioso de Rois cómpre salientar a existencia de doce igrexas parroquiais e doce capelas. Do románico quedan apenas restos en cinco delas, sendo a de Leroño a máis significativa.

Igrexa de San Mamede de Rois, na parroquia de Rois, Rois, A Coruña.. Sorruno - Obra propia (Wikipedia)

Foi xa no barroco cando se construíron ou refixeron a partir doutras anteriores a maior parte das igrexas roisenses. Recomendámosche achegarte á igrexa de San Lourenzo de Seira, onde se conserva a tapa suévica ou visigótica dun sartego datado nos séculos XV ou XVI, e á capela da Nosa Señora do Soutullo. Nesta última celebrábase no mes de maio unha tradicional romaría.

Igrexa parroquial de Seira no concello coruñés de Rois. Xosé Antonio - Wikipedia