Coa fin de facilitar a conciliación familiar durante o longo periodo de vacacións escolares, o Concello de Rois organizará no verán dúas accións destinadas á rapazada. Por un lado, desenvolverá unha nova edición do campamento urbano Diververán dende finais de xuño a principios de setembro e, polo outro, programa dous campamentos dunha semana de duración en Cabana de Bergantiños.
Diververán, o campamento urbano de Rois, cubrirá todo o periodo de vacacións escolares cun total de seis quendas entre o 24 de xuño e o 10 de setembro, día no que está previsto que se reanuden as clases. As quendas abranguen do 24 ao 28 de xuño, do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 14 de agosto, do 16 ao 31 de agosto e do 1 ao 10 de setembro.
O campamento, destinado a nenas e nenos escolarizados a partir de 4º de educación infantil, desenvolverase nos colexios do Pumar, en Urdilde, e dos Dices, en Rois, durante as mañás en horario de 9.30 a 14.30 horas. Este horario pódese prolongar a primeira hora ata as 7.30 horas co servizo de amencer.
Os prezos das quendas de xullo e agosto será de 65 euros por cada unha ou de 100 no caso de solicitar dúas. A quenda de xuño terá un prezo de 30 euros e a de setembro custará 40. A estes prezos xerais aplicaranse bonificacións, non acumulables, do 25 por cento no caso de segundo irmán, familias numerosas ou monoparentais ou menores con discapacidade. O Concello asumirá as cotas daquelas familias con informes de Servizos Sociais.
Campamentos de verán
Ademais do Diververán, a rapazada de Rois poderá participar este ano nos Campamentos de verán que se levarán a cabo en agosto en Cabana de Bergantiños. Haberá un campamento infantil e outro xuvenil. O primeiro, para cativada nacida entre os anos 2012 e 2016, farase do 12 ao 18 de agosto. O segundo, para mozas e mozos dos anos 2007 a 2011, levarase a cabo entre o 19 e o 25 de agosto.
O prezo será de 200 euros por participante, ao que se lle aplicarán as mesmas bonificacións que aos do Diververán, isto é, un 25 por cento menos para segundo irmán, familias numerosas ou monoparentais e menores con discapacidade. O custo inclúe aloxamento nun albergue, pensión completa, monitorado as 24 horas, transporte para as excursións, actividades náuticas, material e seguro.
As prazas, limitadas a vinte por campamento, están dirixidas a cativada empadroada en Rois. No caso de haber máis solicitudes que prazas procederase a un sorteo.
O prazo para facer a solicitude tanto no Diververán como nos campamentos remata o 22 de maio. Os formularios estarán dispoñibles nesta mesma páxina web do Concello de Rois (www.rois.gal) a partir da vindeira semana.
Distribución de prazas
A distribución de prazas, tanto no Diververán como no campamento de verán, realizarase seguindo os seguintes criterios:
• Menores empadroados/as no Concello de Rois
• Menores escolarizados/as nos centros educativos de Rois
• Menores cuxos proxenitores/as teñan o seu centro de traballo no municipio
• Menores cun vínculo familiar a persoas censadas en Rois ata o 2º grao de parentesco
O resto de menores que non cumpran ningún dos anteriores criterios, admitiranse no Diververán sempre e cando o permita a ratio do programa e quedarán excluídos nos campamentos.