Os traballos de construción da nova depuradora de Urdilde marchan a bo ritmo e rematarán este verán. O peche perimetral de pedra está acabado e Proyecon Galicia xa comezou co recheo da zona e o acondicionamento no terreo exterior ao muro, segundo puido comprobar onte o alcalde, Ramón Tojo, na visita que fixo ás obras, que contan cun investimento da Xunta de Galicia de 819.030 euros.
O xefe de obra da empresa adxudicataria, Ignacio Rivas, e Santiago Tirado (da asistencia técnica de Augas de Galicia) explicáronlle a Ramón Tojo e a tenente de alcalde, Mercedes Basante, o estado actual dos traballos e as actuacións que se acometerán durante as vindeiras semanas. Rematado o recheo interior do recinto, colocaranse os biodiscos, os depósitos de PRFV e o resto de instalacións, para deixar rematada a obra no verán, como se contemplou dende un principio.
Na visita ás obras estiveron tamén presentes o ex tenente de alcalde, Manuel dos Santos, e o encargado da obra, Marcos Garrido.
A nova depuradora de augas residuais de Urdilde dará servizo ao núcleo da Calle, contribuíndo ao coidado medio ambiental da zona. A EDAR está preparada para conectar toda a parroquia á rede de saneamento.
Ademais da propia EDAR, as obras proxectadas contemplan tamén a construción de 519 metros de colector dende a actual depuradora ata a arqueta de entrada das novas instalacións e o acondicionamento do acceso ás mesmas.Estas actuacións enmárcase no convenio de colaboración asinado co Concello de Rois, polo que a Xunta achegará o 80% do investimento e encárgase da execución das obras; e o Concello financia o 20% restante e asumirá as xestións para posibilitar os traballos, a recepción, mantemento e conservación da infraestrutura hidráulica unha vez remata. As obras contan coa financiación da Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.