Cartel do certame literario Lois Aldegunde de narración breve e poesía 2024

O Concello de Rois convoca unha nova edición do certame artístico e literario Lois Aldegunde en tres modalidades distintas: narrativa, poesía e debuxo no caso de persoas que non manexen a lectoescritura. A participación está aberta a quen o desexe, establecéndose cinco categorías en función da idade. O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de setembro.

No marco das actividades programas para celebrar tanto o Día de Libro como o Día das Letras Galegas, Rois recupera a convocatoria do seu concurso de relato breve e poesía, certame que dende o ano pasado leva o nome de Lois Aldegunde, profesor de lingua e literatura no colexio dos Dices durante máis de vinte anos.

Este certame está aberto a todas as persoas que queiran participar. Poderán facelo en ata tres modalidades diferentes: narrativa, cun texto dun máximo de dez folios; poesía, cunha extensión de entre 10 e 60 versos; e, por último, debuxo se a persoa non domina a lectoescritura. Estes últimos traballos presentaranse en tamaño DIN A3.

As obras deberán cumprir os requisitos de estar escritas en galego e incorporar algún elemento característico do Concello de Rois, ademais de ser orixinais e inéditos.

Poderán presentarse traballos ata o 30 de setembro, preferiblemente por medios electrónicos enviando un e-mail a inscricions@rois.gal co asunto “Certame Concello de Rois 2024”. Cada arquivo incluirá tamén o título da obra e o pseudónimo do autor/a e irá acompañado do formulario de participación, asinado polos titores no caso de menores.

Tamén se pode enviar a obra por correo ordinario ou de forma presencial no Concello de Rois ou no edificio multiúsos. Neste caso, entregarase nun sobre en cuxo exterior figure a lenda “Certame Concello de Rois 2024”, xunto ao título e o pseudónimo do autor/a.

Premiaranse as dúas mellores obras en narrativa e poesía de cada categoría.  Levarán un lote de libro os gañadores das categorías de persoas nadas dende 2018 en adiante, entre 2015 e 2017 e entre 2012 e 2014. Para os participantes nacidos entre 2007 e 2011 establécese un primeiro premio de 60 euros e un segundo de 30. Por último, o primeiro clasificado na categoría de nacidos ata o ano 2006 gañará 100 euros e o segundo levará 50 euros. Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo.

As persoas interesadas poderán obter máis información nos teléfonos 981 804 109 e 981 816 061, así como no enderezo electrónico inscricions@rois.gal.

O Concello de Rois quere agradecer a ilustradora Iria Aldegunde, filla de Lois, a súa colaboración co deseño da imaxe do certame.

As bases e o formulario de participación poden descargarse nos documentos anexos.