Queres vivir experiencias únicas seguindo uns camiños que exploran a historia de Galicia?
Ven a Rois
A mellor maneira de coñecer Rois é facelo camiñando paseniño e devagar. As rutas de sendeirismo acondicionadas e sinalizadas achégannos experiencias únicas. Seguir estes camiños é explorar a historia de Galicia en poucos metros: o castro Lupario, o pazo do Faramello, a milagreira fonte de San Mamede, o conxunto de hórreos da Casa do Porto, a arquitectura tradicional ben conservada de Angueira de Castro, as pasarelas que cruzan o río Rois ou o descanso a carón do río Tinto. Tamén podemos camiñar polos sendeiros e lugares que inspiraron En las orillas del Sar de Rosalía de Castro, seguindo unha ruta compartida cos municipios de Padrón e Dodro. Estas son pequenas mostras duns itinerarios que podes descubrir en imaxes nos vídeos editados polo Concello de Rois, cos testemuños dos veciños e veciñas que habitan este territorio de historia, tradición e lendas.
A andaina pola ruta das Penicias discorre a carón do río Rois por unha zona escarpada e chea de penas, de aí o nome do sendeiro.
Comeza nunha igrexa, a de San Mamede, que coa súa torre campanario formando un pórtico de entrada ao templo presenta unha estrutura única no concello. Fai parada na fonte de San Mamede que nace no alto do Píndalo, á que a tradición oral lle atribúe efectos milagreiros para as dores de barriga. Ascende ata a Casa do Porto, unha aldea situada nun alto desde o que contemplar fermosas vistas panorámicas e na que, ademais, se atopa unha eira cun conxunto de cinco hórreos restaurados e un cruceiro. Xa que logo, natureza, patrimonio e tradición van da man neste sendeiro.
A ruta do castro Lupario parte do xardín cultivado en memoria das vítimas do accidente do tren Alvia en Angrois en 2013.
Intérnase nos restos dun poboado castrexo intimamente ligado coa lenda da Raíña Lupa e coa historia da Traslatio dos restos do Apóstolo Santiago a Galicia. Visita unha aldea con casas de variadas tipoloxías e na que unha torre controlaba o paso entre o sur e o norte de Galicia. Achégase ao pazo do Faramello, que albergou a primeira fábrica de papel de Galicia, de 1710. Nun tramo, discorre paralela ao río Tinto, que deu servizo á imprenta, a unha fábrica de curtidos e a varios muíños. E finaliza no punto no que comezou, nunha zona de reforestación de especies autóctonas de especial valor natural.
Ruta Rosalía nos camiños
A ruta Rosalía nos camiños é unha senda amiga inspirada na obra En las orillas del Sar que discorre polos municipios de Padrón, Dodro e Rois.
O monumento a Rosalía de Castro no Espolón de Padrón é punto de inicio e final desta ruta. En Dodro pasa a carón das Torres de Hermida, onde Rosalía viviu longas temporadas. Ascende ao Santiaguiño do Monte e descende á beira do Sar, cruzando os restos dun muíño de maquía, atravesando a ponte natural creada por Camilo Seira e deténdose en lugares significados na obra da escritora como o remanso de Fondóns. De volta en Padrón fai un percorrido biográfico á inversa: do cemiterio de Adina, onde repousaron os seus restos; á Casa da Matanza, última morada e sede do museo e fundación que leva o seu nome; e de alí ao seu fogar da infancia e ao Espolón.