Unha viaxe pola historia de Galicia
Rois regálalles aos visitantes a posibilidade de viaxar no tempo a través de lendas, costumes e construcións de antano, que abarcan dende castros ata aldeas tradicionais, ademais de maxestuosos pazos.
A mítica raíña Lupa dominou esta veiga regada polas augas do Sar e do Sarela dende o castro Lupario, que é só un dos xacementos arqueolóxicos que atopamos no municipio.
Vencellado tamén ao Camiño de Santiago paga a pena visitar o pazo do Faramello, onde se construíu a primeira fábrica de papel de Galicia. A auga sérvenos de fío condutor para coñecer ademais outros elementos tradicionais coma lavadoiros, muíños ou pontes. Sorprenderanvos neste camiñar máis dun cento de cruceiros, entre eles algúns dos máis antigos de Galicia, un chamativo calvario ou unha ducia de igrexas e capelas. O murmurio das augas e as verdes paisaxes serán a vosa compaña.