Praia Fluvial de Seira

Queres refrescarte no río e relaxarte nun lugar á sombra?

Ven a Rois

Xoguemos coas palabras: Rois e ríos coinciden nas letras, non si? Máis aló desta brincadeira lingüística, a realidade é que este é un municipio cunha vasta rede hidrográfica que o atravesa de norte a sur e de leste a oeste. Son tres os principais ríos: o Sar, que transcorre desde Ribasar ata Padrón; o Rois, polo sur; e o Liñares, que cruza o concello de norte a sur. A eles súmanse as ducias de regatos e regueiros desta fértil veiga da comarca do Sar.

Co obxectivo de achegar a cidadanía ao gozo destas canles fluviais, a nivel municipal realizáronse intervencións en dous puntos clave. Un deles, as rutas de sendeirismo, que discorren próximas a ríos e regatos. Outro, a praia fluvial de Seira, un enclave natural moi concorrido na época de verán.

A de Seira, no río Rois, é unha praia ideal para refrescarse cando soben as temperaturas. Augas claras e árbores frondosas dannos un respiro e permítennos descansar ou realizar actividades de lecer en harmonía coa natureza. Ademais das zonas verdes, de baño e de pesca, a praia fluvial de Seira conta cunha área de descanso con mesas e bancadas e cun aparcadoiro, reformados en 2017.

Outra boa opción para poñerse a remollo cando vai calor é a piscina descuberta de Senra, en Augasantas, que abre nos meses de verán.