Lugares naturais de interese

Queres ver a auga dos ríos fluír libremente entre saltos, fervenzas e remansos?

Ven a Rois

Dunha parte a montaña e doutra o fértil val. Cara occidente, os montes do Pedregal que enlazan coa Serra do Barbanza e acadan unha altitude próxima aos 600 metros sobre o nivel do mar, coas conseguintes vistas panorámicas desde o alto. Cara oriente, a depresión na veiga do río Sar e dos seus afluentes o Rois e o Liñares, cunha altitude mínima de 6 metros.

Nesta terra de contrastes a auga flúe con liberdade, regalando saltos e fervenzas que sorprenden a cada paso do camiño. Auga que move pedras de muíños, para despois acalmar en pozas naturais ou madres, utilizadas noutrora para poñer o liño a remollo.


Arredor dos ríos e regatos aparecen os ben conservados bosques de ribeira, con ameneiros, salgueiros e outras especies propias do bosque atlántico. E tamén, arredor destes mesmos ríos, resoan os versos da escritora galega máis universal. Escribe Rosalía de Castro no poemario En las orillas del Sar:

Ruge la presa lejos…, y, de las aves nido,
Fondóns cerca descansa;
la cándida abubilla bebe en el agua mansa
donde un tiempo he creído de la esperanza hermosa
beber el néctar sano, y hoy bebiera anhelosa
las aguas del olvido, que es de la muerte hermano;
donde de los vencejos que vuelan en la altura,
la sombra se refleja;
y en cuya linfa pura blanco el nenúfar brilla
por entre la verdura de la frondosa orilla.


Esta estrofa figura cicelada na placa colocada polo Concello de Rois no lugar dos Fondóns, en Seira, para conmemorar o Día de Rosalía en 2021.

O Concello de Rois conta ademais con diferentes áreas recreativas. A zona de descanso de Angueira de Castro, no itinerario da ruta de sendeirismo do Castro Lupario, está situada á beira do río Tinto nun lugar con sombra. O merendeiro de Vilachán-Augasantas, próximo á piscina descuberta, convida a xuntarse e conversar ao calor do estío. Outras máis próximas a núcleos urbanizados, como as de Oín ou Urdilde, permiten o desfrute da veciñanza.