Ei carballeira!!!
En Rois sabemos montar a festa. Sómosche así, festeiros e festeiras. Gústanos xuntarnos para comer, bailar, cantar, rir e xogar. E facémolo sempre cos brazos ben abertos: sodes todas e todos benvidos!
Santo Isidro Labrador
“Santo Isidro Labrador quita a auga e pon o sol”. Así fala o Refraneiro galego de Xesús Taboada Chivite do momento no que, segundo a tradición, comeza a época de bo tempo. En Rois é motivo de celebración e de honrar ao patrón do municipio, nunha festa que reúne a veciños, veciñas e visitantes na semana arredor do 15 de maio e que presenta unha variada oferta cultural, gastronómica, lúdica, musical e deportiva.
A programación das festas do Santo Isidro é moi extensa, pero talvez un dos actos que esperta máis expectación é o xantar popular, un espazo de encontro no que se dan cita centos de comensais. Este é tamén o momento do pregón, ofrecido por persoas vencelladas á nosa terra; das homenaxes Santo Isidro Labrador e Toda unha vida, esta última á persoa de máis idade do municipio; e da entrega dos premios do cartel anunciador da festa e do certame artístico e literario. Os actos do día grande do Santo Isidro inclúen tamén a misa solemne na igrexa parroquial e a música, que non pode faltar.
O programa festivo complétase cunha feira agrícola con exposición de maquinaria e de animais de raza autóctona galega, de artesanía e de produtos galegos, probas de habilidade no manexo de tractores, xogos populares, espectáculos e música de grupos tradicionais, orquestras e charangas.
E, por se fose pouco, coincidindo coas festas patronais tamén se organizan eventos deportivos, como andainas ou probas ciclistas que animan a compartir experiencias e a gozar ao aire libre dese sol que “pon” o Santo Isidro Labrador.
Rois NaturFest
A canteira musical tradicional ten un importante peso en Rois. Proba disto é o Festival Rois NaturFest, que xurdiu en 2018 da unión de forzas do Concello e do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima para fusionar dous eventos que se viñan celebrando con moita sona na comarca: o Rois Arrasa!!! e o Naturfest.
Grupos musicais e asociacións folclóricas locais e convidadas animan unha xornada na que todas e todos, das máis cativas e cativos aos de máis idade, comparten a súa arte e gozan do baile no campo da festa de San Mamede. Este día de convivencia ao aire libre complétase cun xantar popular, xogos tradicionais e deporte na natureza para, finalmente, rematar bailando ao son da boa música con artistas consagrados como Treixadura, Virandeira ou Pepe Vahamonde Grupo. E así ata altas horas da madrugada, baixo a luz da lúa do verán.
Festas parroquiais
Non hai en Rois parroquia sen festa. Ducias de celebracións forman parte da nosa forma de vida e nelas veciñanza e visitantes comparten momentos de ocio, de encontro cos achegados e tamén coas tradicións da nosa terra.
En Augasantas
| San Vicente | 22 de xaneiro |
| Santa Nova | Variable; o luns despois do domingo de Pentecostés (7 domingos despois do domingo de Pascua) |
| Festas do verán | 5, 6 e 7 de agosto |
En Buxán
| San Xoán | 24 de xuño |
| As Dores, Sto. Outelo e O Sacramento | 3º domingo de setembro |
En Costa
| San Miguel | 29 de setembro |
| Concepción (Ferreiros) | 20 de maio |
En Ermedelo
| Sacramento | Variable; domingo seguinte ao Corpus Christi |
| San Ramón | 1º domingo de setembro |
| San Martiño | 11 de novembro |
En Herbogo
| San Pedro | 29, 30 de xuño e 1 de xullo |
En Leroño
| Nosa Señora | 15, 16 e 17 de agosto |
En Oín
| Sto. Antonio | 13 de xuño |
| Nosa Señora, San Roque e O Santísimo | 15, 16 e 17 de agosto |
En Ribasar
| Sta. Mariña | 18, 19 e 20 de xullo |
En Rois
| San Xosé | 19 de marzo |
| San Mamede | 7, 8 e 9 de agosto |
| Os Remedios (O Aído) | Variable (7 semanas despois de Pascua) |
En Seira
| San Lourenzo | 10 de agosto |
| Santísimo Sacramento | 11 de agosto |
| San Bartolomeu | 24 de agosto |
| San Antonio | 25 de agosto |
| Santa Lucía | 13 de decembro |
| Candelaria | 2 de febreiro |
En Sorribas
| Sacramento | Variable; 1º domingo despois dos Remedios |
| As Dores | 16 de setembro |
| Sto. Tomás | 21 de decembro |
En Urdilde
| Nosa Señora | 15 de agosto |
| San Roque | 16 de agosto |
| San Antonio | 17 de agosto |
| A Natividade | 8 de setembro |
| Sacramento | variable |
| Soutullo (Quintáns) | variable |




























