Queres visitar o castro no que seica residiron a Raíña Lupa e o seu exército?
Ven a Rois
Conta a lenda que os discípulos que trouxeron o corpo do Apóstolo Santiago dende Xerusalén amarraron á súa barca preto de Iria Flavia. O lugar atopábase baixo a autoridade da raíña Lupa e por iso lle pediron axuda para atopar un refuxio seguro onde sepultar o seu mestre. A raíña intentou enganalos pero acabou por converterse ao cristianismo logo de ver como diversos milagres os protexían.
As terras da raíña Lupa abarcaban o val que enmarcan os ríos Sar e Sarela. Dominábaas dende o castro Lupario grazas á panorámica que lle ofrece a súa altura de 110 metros sobre o nivel do mar. Hoxe en día podes seguir gozando das impresionantes vistas dende este castro no límite no que conflúen os municipios de Rois e Brión.
O castro Lupario é un dos xacementos máis salientables de Rois. Pero nin moito menos é o único. No concello temos documentadas 19 mámoas, destacando polo seu tamaño a necrópole Chan do Codeso ou Martelo, ademais de nove castros.
O castro Socastro, na parroquia de Herbogo, é o máis extenso. Probablemente estivo habitado de forma continuada ata o século IV e nel darás cos restos dunha casa que foi construída sobre outra de época romana. Varios campos de traballo internacionais trouxeron a Rois mozos e mozas de diferentes países para facer labores de limpeza no xacemento.
Da importancia que tiveron os asentamentos de Rois dan conta achados como o dunha ola de barro chea de moedas descuberta en 1910 no castro de Agrafoxo (Urdilde) ou o chamado ídolo de Caraveles, peza tallada representativa da plástica castrexa que forma parte dos fondos do Museo do Pobo Galego en Santiago.
Animámoste a descubrir todos os vestixios castrexos que aínda se poden atopar en Rois, dende as murallas de pedra do castro de Buxán ata as plataformas e terrapléns do castro de Oín, pasando polos socalcos do castro de Casal de Poño en Urdilde.