A veciñanza de Rois volveu participar masivamente na festividade do Santo Isidro, patrón do municipio, coa participación dunhas 650 persoas no xantar popular celebrado no polideportivo dos Dices. O Concello fíxolle un recoñecemento ás persoas centenarias e rendeulle homenaxe a Juan Manuel Calvo Agrasar, pola súa dedicación á taberna O Pemento, entregándolle o galardón Santo Isidro Labrador. O ex árbitro roisense Quique Ramos foi o encargado de ler o pregón e Lara Barreiro recolleu de mans do alcalde o premio como autora do cartel anunciador da festa. Os actos rematan mañá, 16 de maio, coa gran verbena amenizada polas orquestras Charleston Big Band e La Fórmula no campo da festa.

Xan do Pemento, como se lle coñece na comarca do Sar, foi a alma máter da popular taberna de Seira ata que se xubilou hai cinco anos. En 1964 o seu pai puxo en marcha unha tenda de comestibles na casa familiar, “a tenda do olvido” como lle chamaba Xan, a onde a veciñanza ía buscar o que se esquecera de mercar. Coa chegada do campo de golf, na tenda comezaron a servir tortillas e vai evolucionando ata converterse no que hoxe en día é O Pemento, un taberna caracterizada pola comida caseira de calidade e por ser un epicentro cultural no que poden expresar a súa creatividade artistas da comarca. Xan xubilouse en 2019 e colleu o relevo Jesús Mosquera, Chus.

Juan Manuel Calvo Agrasar, Xan do Pemento, recibe a homenaxe Santo Isidro Labrador

Nos actos oficiais para conmemorar as festas patronais, o Concello de Rois entregoulle a Juan Manuel Calvo Agrasar o recoñecemento Santo Isidro Labrador pola súa dedicación á taberna O Pemento. “Durante os sesenta anos que O Pemento leva aberta, primeiro como tenda e logo como taberna, sempre buscamos darlle aos nosos clientes o mellor da nosa terra e o mellor de nós mesmos para que quixeran voltar. Grazas a eles hoxe recibo esta homenaxe”, dixo Xan do Pemento, que tamén tivo palabras de agradecemento para o alcalde e para o Concello de Rois. Un grupo de gaiteiros, amigos do homenaxeado, dedicáronlle unha canción despois de recibir o premio.

Antes da homenaxe, pronunciou o pregón o ex árbitro auxiliar Quique Ramos, natural de Seira e que traballou como xuíz de liña durante case trinta anos, dezasete deles en Primeira e Segunda División. Ramos comezou a xogar ao fútbol no campo que está diante da taberna O Pemento. “Marcado pola derrota do Real Madrid diante do Tenerife en 1992 e polo Mundial de Estados Unidos”, Ramos Ferreiros fíxose árbitro en 1995. En 2006 ascendeu a Segunda División, sete anos máis tarde comezou a súa andaina de sete temporadas na Primeira División, e logo volveu estar outros cinco anos asubiando en Segunda.

Quique Ramos resaltou que hoxe o CD Rois e a SD Urdilde están xogando en Segunda Galicia, e que os xuvenís do Rois ascenderon a Primeira Galicia. Ao ex árbito parécelle “algo marabilloso” que as escolas deportivas municipais “lle ofrezan á rapazada a posibilidade de practicar unha chea de deportes distintos”. Segundo afirmou o pregoeiro, “o deporte, ademais de ser bo para a saúde, é unha ferramenta estupenda para aprender dos demais, buscar puntos de encontro e fomentar a convivencia, algo moi necesario na nosa sociedade”.

O ex arbitro Quique Ramos pronunciou o pregón

Xantar popular e verbena

O pregón e a homenaxe celebráronse no polideportivo municipal dos Dices, no que tamén se lles fixo un recoñecemento ás persoas centenarias do municipio. Todos os asistentes puideron ver unha fotografías dos homenaxeados, a quen o alcalde e membros do goberno municipal lles entregaron un agasallo ao longo do último ano coincidindo coa data do seu aniversario. “Sempre estaremos en débeda cos nosos maiores, que traballaron tanto para deixarnos un legado que nós agora queremos preservar e mellorar”, asegurou o alcalde, Ramón Tojo.

Ademais de darlle o recoñecemento Santo Isidro Labrador a Juan Manuel Calvo Agrasar e un detalle ao pregoeiro, Ramón Tojo tamén lle entregou o premio a Lara Barreiro como gañadora do concurso e autora do cartel anunciador das Festas do Santo Isidro 2024.

Uns gaiteiros cantanlle a Xan do Pemento (de pé a dereita)

Ao xantar oficial asistiron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da consellería de Agricultura, José Balseiros; o alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado da tenente de alcalde Chus Campos; o alcalde de Dodro, Xabier Castro, xunto ao tenente de alcalde do municipio; así como membros da Corporación de Rois, o capitán da Garda Civil de Noia e a sarxento comandante do posto de Padrón.

Ao rematar os actos oficiais, unhas 650 persoas participaron no tradicional xantar popular e puideron degustar empanada, polbo e carne ao caldeiro servida por pulperia Veloso. Pequenos e maiores participaron despois nos xogos e na sobremesa animada polo Dúo Son II.

As festas do Santo Isidro de Rois comezaron a primeira hora da mañá coas bombas de palenque e a alborada que o OCT Chorima ofreceu en Urdilde e en Rois. Logo, na misa solemne celebrada á unha da tarde na igrexa parroquial, o alcalde e concelleiros do goberno volveron sacar en procesión a imaxe do patrón de Rois.

Intervención do alcalde, Ramón Tojo, diante das 650 persoas asistentes á festa

As festas rematarán mañá, xoves, cunha gran verbena que comezará ás 22.30 horas no campo da festa e que estará amenizada polas orquestras Charleston Big Band e La Fórmula.