Coñece Rois

Rois presume dunha contorna natural privilexiada ao suroeste da provincia da Coruña, a tan só vinte quilómetros de Compostela. Excelentes paisaxes naturais das que gozar nas rutas de sendeirismo; un rico patrimonio arqueolóxico e unha variada arquitectura civil e relixiosa fan de Rois un municipio que merece a pena coñecer.


O Camiño Portugués, ao sur do municipio, e o Camiño pola Ría de Muros Noia, ao norte, fan de Rois un dos principais municipios xacobeos ás portas de Compostela. Ademais, limita con Padrón, berce da tradición Xacobea, e no seu territorio atópase o castro Lupario, residencia da raíña Lupa cando os discípulos trouxeron ao Apóstolo ata Santiago.

Unha magnífica rede de comunicacións conecta Rois en poucos minutos tanto coa costa como coas cidades de Santiago e Pontevedra. É o centro ideal de operacións para descubrir todos os encantos da comunidade autónoma, pola súa proximidade á autoestrada AP-9, que vertebra Galicia de norte a sur, e da autovía do Barbanza, que une Padrón con Ribeira. A vía rápida entre Compostela e a ría de Muros-Noia pasa pola parroquia de Urdilde, ao norte do municipio

Só vinte quilómetros separan Rois de Santiago de Compostela, o aeroporto de Lavacolla e a estación do tren de alta velocidade. Rois está a trinta quilómetros de Pontevedra e a catro da estación de tren de Padrón.

O municipio ofrece gran variedade de servizos á veciñanza e aos visitantes, cunha ampla oferta cultural e deportiva.

Unha excelente gastronomía e unha escolma de casas de turismo rural farán que a túa estancia sexa inesquecible. (onde aloxarse e onde comer)