O Pleno da Corporación de Rois amosou na sesión de hoxe o seu rexeitamento e a máis enérxica condena pola violencia que provocou a morte do mozo coruñés Samuel Luiz, despois de recibir unha brutal malleira. O Concello de Rois trasládalle as condolencias á familia e agarda que este tipo de situacións non se volvan a repetir nunca.

Despois deste acordo unánime apoiado polos tres grupos da Corporación, o Pleno ratificou por unanimidade o convenio cos concellos de Padrón e Dodro para organizar un novo obradoiro de garantía xuvenil ‘Xuventude en acción 2021’ para formar quince mozos e mozas de 18 a 30 anos na creación de páxinas web. Este obradoiro de emprego, o terceiro nesta rama no que participa Rois, terá unha duración dun ano e está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade, e o Fondo Social Europeo, con 340.000 euros.

Tamén se ratificou o convenio co Concello de Dodro para solicitar unha subvención para mellorar infraestruturas, dotación e equipamentos vinculados á prestación dos servizos municipais do Concello de Rois durante 2021.

O terceiro convenio ratificado foi o asinado con Padrón e Dodro para a solicitude da subvención da Secretaría Xeral de Igualdade para manter en funcionamento o Centro de Información á Muller (CIM) supramunicipal.

A moción presentada polo Partido Popular condenando os indultos aos líderes independentistas cataláns e solicitando a dimisión do presidente do Goberno, por considerar que esta medida é contraria a sentencia do Tribunal Supremo e crea cidadáns de primeira e segunda categoría foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno (PP). A oposición (PSdeG e BNG) votou en contra ao considerar que os indultos están recollido no ordenamento xurídico nacional.

O PP rexeitou a moción socialista de crear reunión informativas polas parroquias para coñecer o interese de solicitar a concentración de monte ao considerar que coa nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ábrense novas posibilidades para conseguir os mesmos obxectivos dun xeito moito máis rápido.

A instalación dunha marquesiña na parada e autobuses de Urdilde, as obras de mellora do campo de fútbol de O Pino e a ampliación da escola infantil A Galiña Azul foron algúns dos temas tratados no capítulo de rogos e preguntas, que recolle o vídeo íntegro do pleno (neste enlace)