Os concelleiros Victoria Quiroga e José Luis Ares asisten ao xantar que pecha o curso 24/25 das actividades deportivas e culturais organizadas polo Concello de Rois

Máis de 230 persoas reuníronse hoxe, sábado 21 de xuño, no xantar de confraternidade que clausurou o curso 24/25 das escolas deportivas e das actividades municipais para persoas adultas impulsadas polo Concello de Rois.

Organizado polas asociacións de Mulleres Rurais de Urdilde e de Amas de Casa de Rois, o xantar xuntou no polideportivo de Urdilde persoas usuarias dos cursiños, monitores e acompañantes. Asistiron tamén a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e o concelleiro de Deportes, José Luis Ares, que abriu o acto dedicándolle unhas palabras aos asistentes.

A xornada de festa deixouse sentir nun menú composto por empanadas variadas, queixo e olivas, lacón con pemento, polbo, carne ao caldeiro, larpeira e queixo con marmelo. Amenizou a sobremesa a actuación en directo do dúo Marema, que animou a botar unhas pezas a moitos dos asistentes.

As actividades deportivas rexistraron este curso un total de 287 matrículas, sendo zumba e sobre todo pilates as modalidades máis demandadas. A oferta completouse con baile en parella, hipopresivos, ioga e ximnasia e mantemento.

Pola súa parte, as actividades culturais contaron con máis de 200 persoas usuarias, que se decantaron maioritariamente por asistir ás clases de arte, impartidas polo escultor roisense Camilo Seira, e de pandeireta. Estas últimas nútrense da rica e arraigada tradición de poesía oral en Rois e contan xa cunha longa traxectoria que comezou en Rois en 2011 para estenderse en poucos anos a Urdilde e Ermedelo.

Entre as propostas ofrecidas polo Concello á veciñanza, inclúense tamén os talleres de memoria e os cursiños de encaixe de palillos e vainicas.