A Comunidade Enerxética Local de Rois dá un paso máis no seu obxectivo de contribuír á sustentabilidade enerxética favorecendo a produción e o consumo de enerxías renovables entre a veciñanza do municipio, contribuíndo deste xeito a preservar o medio natural. Dende hoxe, 8 de novembro, as veciñas e os veciños de Rois maiores de idade, pequenas empresas e asociacións xa poden cubrir o impreso solicitando formar parte desta asociación sen ánimo de lucro, o que lles poderá permitir aforrar na factura da luz.

Os estatutos da Comunidade Enerxética Local de Rois e os impresos para asociarse pódense consultar nas oficinas municipais e na web (nos arquivos adxuntos). O ámbito de actuación desta asociación sen ánimo de lucro é o propio municipio de Rois.

Poden asociarse á Comunidade Enerxética Local de Rois as persoas físicas maiores de idade ou menores emancipadas, asociacións, pequenas empresas e a propia administración local, sempre que o soliciten formalmente cubrindo o impreso de adhesión.

Liderada polo Concello de Rois, a Comunidade Enerxética Local solicitará subvencións para instalar paneis solares nos polideportivos de Rois e de Urdilde, por ser as instalacións públicas cunha maior superficie de cuberta. O número de paneis solares a instalar variará en función dos quilovatios solicitados polas persoas e entidades que formen parte da asociación.

Nunha reunión informativa celebrada o 24 de setembro, Daniel Ferreirós, de Losa Abogados, e Susana Rodríguez e Laura Llanos, de Sertogal Ingeniería, explicaron algúns dos aspectos máis destacados do proxecto. Na xuntanza dixeron que tanto a Unión Europea como o IDAE (Ministerio de Industria) están a priorizar ás comunidades enerxéticas sobre os particulares na concesión de subvencións para a instalación de placas solares.

Susana Rodríguez e Laura Llanos explicaron que, se unha persoa membro da asociación merca 2 kW, recibirá un desconto equivalente en cada factura da luz. As técnicas engadiron que a súa empresa fará un estudo pormenorizado das facturas de cada persoa ou entidade asociada para recomendarlle o número de quilovatios que necesita mercar en función do seu consumo, para obter un maior desconto. 

Doutra banda, aquelas persoas que residan a menos de dous quilómetros das instalacións fotovoltaicas estarán exentas do pago das peaxes por transporte e distribución da enerxía dos quilovatios que adquiran, reducindo tamén a factura por este concepto. 

En función da demanda dos asociados á comunidade enerxética, poderianse instalar placas noutros edificios públicos a maiores dos pavillóns polideportivos, para ampliar as persoas beneficiarias deste aforro por peaxes.A Comunidade Enerxética Local de Rois está cofinanciada pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).