Concerto de fin de curso das agrupacións da Escola de Música de Rois

A Escola Municipal de Música de Rois celebrou este domingo 29 de xuño o seu concerto de fin de curso cunha tarde inesquecible onde se combinou o talento do alumnado, a entrega do profesorado e a emoción compartida entre familias e veciñanza. O acto, dirixido polo director da escola, Manuel Villar, contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Manuel Cobas, e da xestora cultural, Anayansi Singh.

Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou co inicio do concerto, coa interpretación da peza Ileana, composta polo profesor Javier á alumna de violoncello Ileana Alba Piñeiro hai dous anos. A súa execución en solitario foi moi aplaudida.

A diversidade de actuacións amosou o amplo abano formativo da ESMU: desde os máis pequenos da área de Música e Movemento ata agrupacións e dúos de clarinetes, trompetas, acordeóns, cantantes e o combo moderno. O repertorio abarcou estilos e épocas moi diversas, incluíndo pezas de Vangelis, David Bowie, The Beatles ou Adele.

Outro dos grandes momentos da tarde foi a interpretación do clásico Do, Re, Mi de Sonrisas e bágoas, a cargo do coro de alumnado xunto co profesorado, que encheu o escenario de complicidade e alegría. Esta actuación puxo de relevo o espírito colaborativo da escola e a conexión interxeracional entre alumnado e mestres. A encargada de interpretar á institutriz María foi a profesora de voz, Tania, quen recentemente se licenciou en Pedagoxía da Música e recibiu o recoñecemento do público e do equipo docente.

O peche do concerto correu a cargo da Orquestra de Cordas, cun repertorio que incluíu Pisando Flores, de Ara Malikian, e Hollywood Suite de K.D. Blackwell, poñendo o broche de ouro a unha tarde inesquecible.

No remate do acto, o director Manuel Villar animou á veciñanza a formar parte das agrupacións musicais, avanzando que o vindeiro curso chegará cargado de ilusión e novos retos, entre eles a posibilidade de levar á escena un musical.

Desde o Concello de Rois felicitamos a todo o alumnado, profesorado e familias pola súa dedicación e compromiso.

Ligazón ás fotografías publicadas no Facebook do Concello de Rois.