O edificio multiúsos de Rois acollerá durante tres venres e tres sábados de novembro e decembro un curso de micoloxía que impartirá Jaime Blanco Dios, experto micólogo, presidente da Asociación Micolóxica Brincabois e descubridor nos últimos anos de varias especies de cogomelos en Galicia. O obxectivo do curso é coñecer as especies da nosa contorna e saber recoñecer cales son comestibles. Contémplanse saídas ao monte para recompilar especies e taller de cociña.

A actividade terá un custo de 30 euros por persoa e desenvolverase os días 18, 19, 25 e 26 de novembro e 2 e 3 de decembro. As sesión terán lugar os venres de 20.00 a 22.00 horas e os sábados pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas. En total serán 30 horas de formación.

As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 10 de novembro para inscribirse, enviado un mail cos seus datos (nome e apelidos, domicilio, teléfono de contacto e DNI) ao enderezo inscricións@rois.gal. Unha vez formalizada a inscrición, recibirán unha mensaxe confirmando se se vai realizar o curso e a forma de pagamento.

Para calquera dúbida ou máis información as persoas interesadas poderán dirixirse ao edificio multiúsos de Rois ou chamar ao teléfono 981 816 061.

O Concello resérvase o dereito a cancelar o curso se non se acadan as prazas mínimas.