O Centro de Información á Muller Terras de Iria, en colaboración cos concellos de Rois e Padrón, promove un certame de TikTok entre o alumnado de secundaria dos dous municipios no marco das actividades coas que conmemorará o 25N, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. O concurso, que ten como obxectivo a sensibilización de mozas e mozos fronte á violencia machista, premiará os mellores vídeos realizados en cada centro.
Coas miras postas en chegar á mocidade a través das súas plataformas de comunicación habitual, cos seus códigos e a súa linguaxe, o CIM Terras de Iria fíxase este ano na rede social preferida pola xente nova e anima ao estudantado de secundaria de Rois e Padrón a sumarse ao 25N facendo vídeos de TikTok que se subirán á conta que o Centro de Información á Muller da comarca do Sar abriu nesta rede social.
Os vídeos, de factura libre, deberán tratar sobre aspectos relacionados coa loita fronte á violencia machista e levar o hashtag #CimTerrasDeIriaContraAViolenciaDeXenero. Ademais, deberán de ser verticais e ter unha duración de entre veinte segundos e un minuto. A participación limitarase a un vídeo por aula ou grupo e se entregará un premio por centro educativo, que recibirá un cheque para a compra de material informático ou papelería. O prazo de entrega dos vídeos, que deberán enviarse por correo electrónico a cim@padron.gal, rematará o 13 de novembro.
Con esta iniciativa, o CIM pretende implicar á poboación moza de Rois e de Padrón na prevención, a visibilización e a denuncia da violencia contra as mulleres, así como facela partícipe das actividades coas que se conmemora o 25N. A entrega de premios farase precisamente o 25 de novembro coincidindo co acto que se desenvolverá no Auditorio de Padrón.
As bases do certame pódense consultar no Facebook do CIM e os concellos de Rois e de Padrón.