A Escola Municipal de Música de Rois abre o prazo de matrícula do curso 2023-2024 para todas as persoas interesadas en comezar ou ampliar a súa formación musical. A matrícula poderá formalizarse ata o vindeiro venres 30 de xuño no formulario que figura neste enlace (preme aquí).

Xunto coa ficha de matrícula cómpre entregar:

  • Copia do DNI ou do libro de familia.
  • 1 foto tamaño carné
  • Orde de pagamento ou domiciliación bancaria para as cotas (pódese descargar o arquivo neste enlace ou no encabezado desta nova)
  • Xustificante de pagamento de matrícula (20 euros). Número de conta: ES64 2080 0328 9631 1000 0060

A Escola Municipal de Música de Rois ofrece un amplo catálogo de cursos. Este curso manteranse as clases individuais de Linguaxe musical a partir dos 8 anos. 

Os nenos e nenas de entre 3 e 7 traballan disciplinas como o baile e o canto na especialidade de Música e movemento. A partir dos 8 anos estudan o ritmo, a entoación e a teoría en Linguaxe musical, ao tempo que aprenden a tocar un instrumento, para máis tarde pasar a formar parte da banda de música, de agrupacións de música de cámara e do resto de agrupacións da Escola.

O alumnado ten a opción de preparar o ingreso no Conservatorio de Grao Profesional, ademais de facer concertos e participar en intercambios con outras escolas. A Escola Municipal de Música de Rois ten uns prezos moi accesibles: 20 euros pola matrícula anual e, por exemplo, 35€/mes polas clases de instrumento e linguaxe musical. Hai bonificacións dun 5 % sobre o coste total no caso do pagamento completo das mensualidades, sobre a matriculación en dous cursos ou actividades, e nas mensualidades a partir do terceiro membro da unidade familiar.