Cóntame un mundo

Rois será este verán un dos oito municipios galegos nos que se desenvolva Cóntame un mundo, un proxecto impulsado polas narradoras e artistas escénicas Carmen Domech, Olga Abad, Raquel Queizás e Alba Grande que ten como obxectivo recompilar e dar a coñecer historias da nosa tradición oral á vez que se tenden pontes comunicativas entre persoas maiores e novas e diferentes agrupacións sociais.

Rescatar e poñer en valor o patrimonio inmaterial de Rois derivado da transmisión oral será o eixe sobre o que xiren un total de cinco accións que Cóntame un mundo promoverá no municipio roisense entre o 26 de xuño e o 28 de xullo. A primeira destas accións, na que se combinarán un contacontos cun foro de recollida de historias, desenvolverase no Multiúsos o luns 26 de xuño a partir das 10 da mañá e terá como protagonistas ás persoas maiores que participan nos talleres da memoria organizados polo Concello.

Ese mesmo día, o luns 26 de xuño, tamén se levará a cabo un obradoiro no que se representarán algúns dos contos vencellados a Rois. Centrado nas mulleres rurais, o obradoiro empregará diversos xogos escénicos e se celebrará no local das Mulleres Rurais de Urdilde a partir das sete da tarde.

A terceira sesión de Cóntame un mundo ten por título Encontro da palabra. Desenvolverase o xoves 29 de xuño no campo da festa de Urdilde e nel interactuarán maiores, cativada e participantes no obradoiro de mulleres rurais. Comezará ás sete da tarde e poderán asistir todas as persoas que o desexen, que estarán convidadas tamén a desfrutar duns petiscos.

Xa en xullo, serán os pequenas e pequenos do municipio quen poidan escoitar contos e aportar así mesmo as súas propias narracións. Farano o xoves 27 de xullo pola mañá dentro das actividades incluídas no campamento de conciliación Diververán.

Por último, o venres 28 de xullo pecharase a programación de Cóntame un mundo cun percorrido polo concello aberto a toda a veciñanza. A xeito de recompilación das aportacións de todas as persoas participantes, as catro narradoras que promoven o programa elaborarán un Roteiro da palabra no que darán a coñecer personaxes, lugares, casas… vencellados á tradición oral de Rois. A colocación de códigos QR permitirá que este roteiro poida seguir facéndose no futuro. Cabe subliñar así mesmo que nas distintas sesións faranse gravacións de imaxes e son coas que se elaborarán pezas audiovisuais.