Ramón Tojo Lens iniciou esta mañá o seu quinto mandato consecutivo como alcalde de Rois polo Partido Popular, que incrementou a súa maioría absoluta ata os 8 representantes, por 2 do PSdeG e 1 do BNG. No seu discurso de investidura, Tojo Lens comprometeuse a seguir “traballando por todos os veciños e veciñas, con humildade e seriedade”. O alcalde tivo palabras de agradecemento para os edís que non repiten nesta lexislatura e animou a todos os integrantes da Corporación, de xeito especial aos catro novos concelleiros do PP, a antepoñer os intereses da veciñanza sobre os partidistas, “para que Rois siga progresando”.

Ramón Tojo foi elexido alcalde por maioría absoluta, ao contar cos oito votos a favor do Partido Popular. Manuel Regueira Miguens, do Partido Socialista, obtivo 2 votos, e o BNG xa non presentou candidatura a alcaldía.

O ex tenente de alcalde, Manuel dos Santos, entregoulleo bastón de mando a Ramón Tojo

A mesa de idade estivo presidida por Manuel Cobas Rey, como concelleiro de maior idade, e Antonio Esparís Lois, o máis novo. Foi o extenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos (que non repite nesta lexislatura) quen lle entregou o bastón de mando ao alcalde, despois de que este asumise o cargo. Tras a sesión de investidura, todos os concelleiros da nova Corporación de Rois fixéronse unha foto de familia nun salón de plenos que contou coa presenza de numerosos veciños.

Na súa intervención antes de rematar a sesión e recibir as felicitacións dos asistentes e saudar aos concelleiros da oposición, Ramón Tojo deulle a benvida a José Luis Ares, Iván Fernández, José Manuel López e Antono Esparís, que se incorporan a Corporación de Rois nesta duodécima lexislatura tras as primeiras elección democráticas nos concellos de 1979.

Integrantes do novo equipo de goberno de Rois polo Partido Popular. Pola esquerda: Iván Fernández, Manuel Cobas, Antonio Esparís, Victoria Quiroga, Ramón Tojo (alcalde), Mercedes Basante, José Manuel López e José Luis Ares

Alcalde dende 2007, sempre con maioría absoluta, Ramón Tojo pediu “diálogo” a todos os concelleiros e “ter sempre presente os intereses xerais dos veciños e de toda a Corporación, porque somos os concelleiros de todas as persoas que viven en Rois”. Aínda que é a quinta vez que resulta elixido alcalde, Ramón Tojo dixo sentir “un certo nerviosismo e moita responsabilidade. Para min é unha honra ser o alcalde do meu pobo, e terei sempre presente a humildade e a honestidade coa que vin traballando estes anos”.

A Corporación de Rois para a presente lexislatura queda conformada polos seguintes concelleiros:

Partido Popular: Ramón Tojo Lens (alcalde), María Mercedes Basanta Ares, José Luis Ares Martínez, Iván Fernández Filgueira, Victoria Quiroga Ramallo, Manuel Cobas Rey, José Manuel López Bargo e Antonio Esparís Lois.

Partido Socialista: Manuel Regueira Miguens e Patricia Ces Ares.

Bloque Nacionalista Galego: Begoña Ares Calvo

Vídeo do pleno de constitución da Corporación de Rois