A veciñanza de Rois poderá participar o sábado 19 de xuño en diversos obradoiros de robótica, impresión 3D ou realidade aumentada grazas á chegada ao campo da festa de Urdilde da furgoneta do Roteiro Maker.
O Roteiro Maker é unha iniciativa que trata de achegar a ciencia e a tecnoloxía ao rural galego con talleres gratuítos vencellados ao Camiño de Santiago e que están dirixidos a todos os públicos. Tras facer paradas nos días previos en Ames e Brión, este formato innovador recalará en Rois o sábado 19 de xuño e permanecerá no campo da festa de Urdilde entre ás 17:00 e as 19:00 horas.
O Roteiro Maker consta de tres estación diferentes, de vinte minutos cada unha, polas que poderán rotar os participantes. A primera céntrase na bioloxía e, empregando microscopios feitos a partir dunha webcam, os usuarios descubrirán o mundo microbiano de diferentes especies do Camiño de Santiago.
Na segunda estación, no propio vehículo, poderán coñecer diversas tecnoloxías. Entre elas, atópase a impresión 3D e como pode empregarse para facer diferentes figuras relacionadas co Camiño, como os logotips ou persoeiros relevantes.
Na terceira estación traballarase sobre os recursos naturais e culturais dunha zona concreta coa axuda de robots, que se moverán sobre un taboleiro coas etapas do Camiño e resolverán preguntas sobre o patrimonio en distintas localizacións.
O tempo de realización do itinerario calcúlase en dúas horas. Os organizadores dividen a camioneta en diferentes seccións e colocan no exterior varias mesas para poder chegar ao maior número de persoas.