Cultura Dispersa, o programa que leva espectáculos culturais polas parroquias de Rois, volve este mes de xuño con dúas novas propostas. A primeira chegará a partir das sete da tarde deste sábado 12 ao campo da festa de Oín da man de Teatro Calavera, que fará gozar ao público familiar coa obra Brincadeira Pirata. Xa o sábado 26, será o popular humorista Pepo Suevos quen fará rir aos veciños no campo da festa de Herbogo co seu Humor Salvaxe.

En total, son unha ducia os espectáculos englobados este ano en Cultura Dispersa por Rois. Arrincou o 16 de maio, coincidindo coas festas do santo Isidro, coa actuación do grupo Berlai no contono da capela da Inmaculada Concepción e rematará o 19 de setembro no campo da festa de Sorribas cun concerto da Banda da Escola de Música de Rianxo.

Teatro, maxia, narración oral, moito humor e sobre todo música centran o programa. O humorista Federico Pérez chegará ao campo da festa de Ribasar o sábado 17 de xullo co seu monólogo Ración de Breogán. No mes de agosto, haberá nada menos que catro espectáculos: poderase gozar da Maxia de Dani Polo en Seira o domingo 8, do concerto de Aló Django en Trío na igrexa de San Mamede de Rois o luns 9, da retranqueira narración Epístola de Aldaolado ás neofalantes no campo da festa de Leroño o domingo 15 e da actuación da Banda Municipal de Música de Padrón en Urdilde o domingo 22.

Xa en setembro, ademais do peche do programa coa banda de Rianxo, Os Campantes da Baña actuarán no campo da festa de Ermedelo o domingo 5 e o sábado 18 poderase desfruzar dunha Tarde de Maxia no campo da festa de Buxán.

Todos os espectáculos son gratuítos. Cumprirase a normativa sanitaria vixente en cada momento.

Cultura Dispersa por Rois continúa neste mes de xuño con dous novos espectáculos gratuítos