O Concello de Rois presentou onte no local da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde o vídeo no que se recollen os atractivos dos Camiños de Santiago ao seu paso polo termo municipal, un audiovisual no que participaron máis de vinte veciños e vecinas de Rois.
Rois conta con dous trazados de peregrinación. Por unha banda, o Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea en número de peregrinos, e aínda que pisa terras roisenses durante só uns poucos quilómetros, é moita a importancia histórica, patrimonial e natural que atesora. Atravesando paraxes de gran beleza, pasa aos pés do Castro Lupario, lugar mítico na lenda xacobea, e ás portas do Pazo do Faramello, peza clave na historia política e económica de Galicia.
Por outra banda, o Camiño pola ría de Muros de Noia foi o último percorrido oficializado polo Cabido da catedral de Santiago —en decembro de 2020— e supón unha descuberta para os peregrinos que se deciden a facelo.
O vídeo Rois no Camiño de Santiago, producido pola empresa de comunicación compostelá Alicentis, mostra os lugares máis atractivos destas rutas. Ademais de contar coa colaboración de comerciantes e establecementos hostaleiros da zona, teñen presenza na pantalla 18 veciñas e veciños, que se prestaron a facer algúns tramos do Camiño e difundir deste xeito este recurso turístico de primeira orde para Rois. Os nomes destas persoas que participaron na gravación son Carmen Godoy, Minucha García, José Agrafojo, José Romero, Nieves Nieto, Mercedes Caamaño, Carmen Castro, Secundina Casaldeiro, María Mato, José López, Lourdes Figueiras, Juan López, Mercedes López, Lidia Pais, Ana Silva, Miguel Díaz, Natalia Silva e Juan Núñez.
As imaxes de peregrinos e peregrinas camiñando combínanse con tomas aéreas e primeiros planos dos recursos turísticos máis destacables. O audiovisual dura cinco minutos e conta con subtítulos en galego, castelán e inglés. Pode verse na canle de YouTube do Concello de Rois. Máis de cincuenta persoas asistiron onte á estrea deste vídeo no local social da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde.