A sede da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde foi onte escenario da homenaxe que dende o Concello se lle rendeu ao motociclista local Xurxo Neo en recoñecemento á estupenda temporada deportiva que vén de rematar e na que se fixo co título de subcampión de España de trial en categoría cadete 125 cc.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, o tenente de alcalde, Manuel dos Santos, e a concelleira Mercedes Basante, foron os encargados de representar á veciñanza na homenaxe a Xurxo Neo. O deportista recibiu unha figura conmemorativa que recorda os seus éxitos nas últimas temporadas. Na de 2021, o motociclista roisense estreouse na especialidade de cadetes 125cc cun magnífico resultado, xa que obtivo o subcampionato de España, só por detrás do catalán Nil Riera. O piloto, que milita nas filas do equipo Gas Gas, suma este subcampionato aos campionatos nacionais en xuvenís B e A nos dous anos anteriores.
Veciño de Urdilde, a homenaxe foi especialmente emotiva para as persoas residentes na localidade, que o coñecen ben desde os seus primeiros pasos no mundo do motor.
A esta homenaxe sumouse tamén a Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, que lle entregou unha pequena cesta de Nadal a modo de agasallo.
Xurxo tivo palabras de agradecimento a todas as persoas presentes, por acudir onte a homenaxe e polo apoio que sempre lle trasladan.
Na seguinte galería recollemos alguns momentos da homenaxe