Unha dieta equilibrada utilizando métodos de cocción saudables, con predominio de froitas e verduras sobre hidratos e proteínas, xunto cunha boa hidratación, descanso nocturno, exercicio físico regular e coidado da saúde emocional son os piares para manter hábitos de vida saudables e lograr unha mellor calidade de vida. Así o expuxeron esta mañá a médica de familia do centro de saúde de Rois, Alicia Montero; a nutricionista Alejandra Martínez; e a médica residente Candela Vilela nunha charla organizada en colaboración co Concello de Rois no auditorio municipal e que foi presentada polo alcalde, Ramón Tojo.

“Somos o que comemos”, asegurou Alejandra Martínez para destacar a importancia de consumir alimentos frescos, variados e de proximidade. A nutricionista do Sergas incidiu na importancia de que predominen as froitas e verduras sobre os hidratos e as proteínas, reducindo o uso de alimentos ultraprocesados para manter unha dieta equilibrada. “Todos os días deberíamos comer froitas, verduras e hortalizas, lácteos, graxas saudables, pan e cereais en cantidades axeitadas”, dixo

Xunto coa doutura Alicia Montero, incidiron na importancia de comer máis veces ao día e menos cantidade de cada vez. Manter horarios estables nas comidas, sempre que sexa posible, e comer cada 3 ou 4 horas “axudará a evitar a ansiedade e a fame nas principais comidas”, dixo.

Facer exercicio regular e beber moita auga para estar ben hidratados foron outros dos consellos das profesionais. Para ter un bo descanso nocturno, a doutora Montero recomenda non facer exercicio a últimas horas do día, nin utilizar dispositivos móviles ou actividades estimulantes antes de ir para a cama. Con algunhas indicacións para coidar a saúde emocional rematou a exposición, antes de que o medio cento de asistentes formulares algunhas das súas dúbidas.

Concello e profesionais organizarán máis coloquios para fomentar hábitos de vida saudables e mellorar a calidade de vida da veciñanza.