Programación de Nadal en Rois. 2023

O Concello de Rois prepara para este Nadal unha programación diversa dirixida a todos os públicos no que destacan como novidades o concurso Adorna Rois no Nadal, co que se convida a veciñanza e establecementos a decorar a vila nestas datas, así como o Trail e Andaina Montes do Oleirón. Ademais, Rois mantén citas clásicas do Nadal como o concerto da Escola Municipal de Música ou a tradicional cabalgata de Reis.

Como xa vén sendo habitual, Rois deulle a benvida ao Nadal co concurso escolar de postais, certame aberto ao alumnado de primaria e secundaria do municipio do que sairá a tarxeta que o Concello mandará a toda a veciñanza como felicitación de Nadal.

A maiores, e por primeira vez, o Concello roisense convoca un concurso co que busca implicar a comerciantes, hostalería, asociacións e veciñanza na decoración da vila durante estas festas. O prazo de inscrición abriuse o día 1 de decembro e permanecerá aberto ata o domingo 10.

Volverá, por outro lado, o programa de conciliación DiverNadal. Coincidindo coas vacacións escolares, entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro, nenas e nenos de 3 anos en adiante disporán dun espazo de lecer e aprendizaxe entre as 7.30 a as 14.30 horas.

Tres excursións de Nadal

A cativada que asista a DiverNadal poderá desfrutar, como vén sendo habitual, de varias saídas, que estarán abertas ao público. Unha delas levará á rapazada de entre 6 e 16 anos a patinar sobre xeo en Vilagarcía e a outra, a ver unha película de cinema en Caldas de Reis. Os autobuses sairán de Urdilde ás 10.00 horas e de Rois ás 10.20 horas.

Haberá, ademais, unha terceira excursión á que poderá sumarse veciñanza de todas as idades. Desenvolverase o sábado 30 de decembro e trasladará aos participantes a Lugo para gozar de XuvenLugo, feira de ocio de Nadal que conta con inchables, atraccións e xogos. O bus, neste caso, sairá de Rois ás 14.45 horas e de Urdilde ás 15.10 horas.

Toda a información das excursións, con horarios e prezos, darase a coñecer nos próximos días. A cativada que participa no DiverNadal gozará de balde das actividades de patinaxe sobre xeo e cinema.

A maiores do DiverNadal, outra cita que xa é todo un clásico do Nadal roisense é o concerto da Escola Municipal de Música de Rois. A cita, no auditorio municipal, está fixada para o sábado 16 de decembro ás 18.00 horas.

Cabalgata de Reis e trail

E, por suposto, non poderá faltar a cabalgata dos Reis Magos que, ao igual que aconteceu nos últimos dous anos, achegará ás Súas Maxestades a percorrer as parroquias do municipio durante toda a xornda do 5 de xaneiro coa fin de saudar e agasallar a toda a cativada. Nenas e nenos terán entón a derradeira oportunidade para facerlle chegar a súas peticións, aínda que antes de rematar o cole, concretamente o xoves 21 de decembro, axudantes do Apalpador, Papá Noel e os Reis visitarán os centros escolares para recoller as súas cartas.

A programación de Nadal pecharase o 7 de xaneiro coa celebración da primeira edición do Trail e Andaina Montes do Oleirón. As inscricións están abertas ata o 2 de xaneiro na web https://emesports.es/