O Concello de Rois celebra o sábado 16 de setembro o Día da Bicicleta, unha cita xa tradicional na axenda do municipio que alcanza este ano a súa edición número dezaoito.

As bicis volverán ser as grandes protagonistas nunha xornada sempre especial na que a veciñanza de todas as idades desfruta da oportunidade de facer exercicio, coñecer o concello, divertirse e compartir a experiencia coa familia e cos amigos.  

A proba, aberta a participantes de todas as idades, comeza ás 16.30 horas e manterá o seu percorrido por Antequeira, A Pontenova, A Meana, Seaxe, Tourís, Francelos, O Sisto, A Gandariña, Angueira de Castro (onde estará localizado o punto de avituallamento), O Sisto, Francelos, Tourís, Seaxe, A Meana, Lamego, a praia fluvial de Seira, Seira, Oín e Samil ata chegar a Casa do Concello.

En total serán 20 quilómetros de circuíto.

A xornada péchase cunha festa na que haberá agasallos para todas as persoas participantes cun recoñecemento especial aos ciclistas de maior e menor idade.

Tamén se sorteará unha bicicleta na meta.

As inscricións abriranse unha hora antes do comezo da proba ata as 16.15 horas e será obrigatorio levar casco de protección. O XVIII Día da Bicicleta no Concello de Rois conta coa colaboración da Deputación da Coruña, o Club Ciclista Padronés Cortizo, Froiz, Gadis, o Restaurante Pedra Santa, AdeMario e Protección Civil de Terras de Iria.