Un total de 2.230 persoas pasaron no que vai de verán pola piscina municipal de Senra, no Concello de Rois, cunha media de máis de 35 ao día e con xornadas como as dos pasados días 7 e 8 de agosto con 110 e 155 usuarios e usuarias, respectivamente, coincidindo cos días de máis calor.

Cun horario de apertura ata o 10 de setembro de 16.00 a 20.30 horas, esta instalación municipal situada na parroquia de Ermedelo segue a ser un dos grandes atractivos do verá no municipio tanto para a mocidade como para as familias.

Nos sete días do mes de xuño nos que permaneceu aberta a instalación, o número de persoas que desfrutaron da piscina foi de 318 con picos os días 24 e 25 de máis de 60, mentres que en xullo alcanzáronse os 997 usuarios e usuarias. Pese a inestabilidade meteorolóxica nese período, mantívose a media de máis de 30 persoas por xornada e un pico o día 2 de 84.

O récord de usuarios e usuarias nunha xornada rexistrouse, así e todo, nos primeiros 23 días deste mes de agosto. O día 7 foron 110 os usuarios e usuarias mentres o que o 8 foron 155, alcanzándose así nos primeiros 23 días de mes a cifra de 915 persoas as que gozaron xa da piscina. A pesar de que o día 22 e 23 se rexistraron temperaturas superiores aos 30 graos, non coincidiron coas xornadas de maior afluencia na piscina.

Cabe recordar que a entrada ás instalacións é de carácter gratuíto.

Ademais destas instalacións, veciñanza e visitantes tamén acoden á praia fluvial de Seira para buscar un lugar onde refrescarse e mergullarse nas augas do río Rois. Esta contorna natural é unha boa opción nos días de verán cando a calor aperta. A praia fluvial de Seira conta con auga de calidade óptima para o baño, segundo a Xunta e, ademais das zonas verdes, de baño e de pesca, conta con zona de aparcamento e cunha área de descanso, con mesas e bancos.