O traballo que nestes días están a desenvolver os catorce xoves que participan en Rois nun campo de voluntariado internacional permitirá que, a partir de agora, as persoas que visiten o lendario Castro Lupario poidan facer un percorrido circular por fóra das murallas que o protexen, tal e como tivo ocasión de comprobar hoxe sobre o terreo o alcalde, Ramón Tojo.
O rexedor roisense, acompañado do concelleiro Manuel Cobas, visitou un ano máis ás mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que traballan no xacemento arqueolóxico grazas a un novo campo de voluntariado internacional, que se iniciou o pasado 6 de agosto e que se prolongará ata o día 17. Os participantes, procedentes de distintos puntos de Galicia, España e países como Francia, Alemaña, República Checa ou México, proseguen cos labores de recuperación do castro e, ademais de accións encamiñadas a manter en boas condicións a croa, están limpando o perímetro que rodea as murallas para que sexa posible circundalo e se poida admirar así unha construción defensiva que supera nalgúns puntos os catro metros de altura.
Co obxectivo, por un lado, de familiarizarse coa arqueoloxía e, por outro, saber valorar o importante patrimonio ancestral de Rois, o grupo de voluntariado desenvolve na escola unitaria dos Dices sesións de estudo e clasificación de material arqueolóxico nas que aprenden a identificar, medir, debuxar ou fotografar restos reais. Así mesmo, visitaron outros xacementos existentes no concello, como o castro Socastro ou un petróglifo atopado nas ladeiras do monte do Castro Lupario, para facer labores de prospección.
Relevantes achados
O Castro Lupario, identificado como o fogar da lendaria raíña Lupa, continúa a deparar importantes achados, tal e como subliña o director arqueolóxico do campo, David Fernández Abella. As rapazas e os rapazas que están traballando en Rois contribuíron este ano a identificar un posible ídolo de pedra que os veciños de Castro de Angueira descubriron na muralla. Este achado únese a outros como un petróglifo con círculos concéntricos que se atopa no Museo do Pobo Galego ou unha cabeza humana de pedra que exhibe o Museo das Peregrinacións e que dan conta da relevancia que no seu día tivo que ter o castro e que lle valeu a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
Máis alá da arqueoloxía, o campo de voluntariado integra numerosas iniciativas de lecer. Baixo a dirección de Pilar Lago, mozas e mozos participantes desfrutan de actividades de natureza e aventura como tiro con arco, lasertag ou kayak nas instalacións de Galipark, danse baños na piscina ou facer excursións a outros lugares de Galicia como Santiago ou o Castro de Baroña e Ribeira.
Esta mañá tiveron a oportunidade de coñecer tamén o pazo roisense do Faramello, que acolleu a primeira fábrica de papel de Galicia. Alí, Ramón Tojo entregoulle a cada participante unha medalla de recordo na que se pode ver a vieira que, como símbolo do Camiño de Santiago, exhibe o escudo de Rois. Con este xesto, subliñou o alcalde, o municipio quere agradecerlles a súa contribución para poñer en valor e difundir o patrimonio roisense.
Visita guiada, espectáculo de danza e festa multicultural
Precisamente, e aproveitando a celebración do campo de voluntariado, este venres 11 de agosto haberá unha visita guiada e gratuíta ao Castro Lupario á que poden sumarse todas as persoas interesadas en coñecer o xacemento e os traballos que se están a desenvolver. O punto de encontro será, ás 17.30 horas, o Xardín do Recordo do pazo do Faramello. A visita comezará ás 18.00 horas.
Rematada a visita, e de novo no Xardín do Recordo, os asistentes poderán gozar do espectáculo de danza contemporánea Terra Firme, unha proposta a cargo de Eva Comesaña incluída no programa de Cultura no Camiño.
A xornada pecharase cunha festa multicultural na que participará a mocidade voluntaria con bailes, cancións e costumes propios da súa terra. Poderemos ver así un altar de mortos mexicano e coñecer a súa significación ou desfrutar dun chotis madrileño ou o himno francés.