• Reivindicaron coas súas creacións artísticas os dereitos das mulleres e a súa plena integración na sociedade

Rois xa ten carteis gañadores do Día da Muller 2021. O xurado, reunido este luns na biblioteca municipal, decidiu repartir unha ducia de premios entre os mellores traballos plásticos e artísticos presentados polo alumnado dos centros educativos do municipio.

O obxectivo do concurso era concienciar os escolares sobre os dereitos da muller e a necesidade da súa plena integración na sociedade, buscando a erradicación de todas as formas de discriminación baseadas no xénero.

A escola infantil A Galiña Azul fíxose co primeiro premio na categoría de 1ª a 3ª de educación infantil. O segundo premio foi para Lola Rodríguez Osorio, alumna de 3º deste centro. Pola súa  parte, Idaira Vilariño Masea, do CPI Os Dices, impúxose na categoría de 5ª de infantil.

Xa en primaria, Marina Vidal Bustelo, que cursa primeiro nos Dices, e Lía Seco Ares, alumna de segundo no Pumar, quedaron primeira e segunda, respectivamente, na categoría de 1º e 2º de primaria.

En 3º e 4º, o primeiro clasificado foi o alumnado de cuarto do CEIP O Pumar-Urdilde. O segundo levouno Lidia Núñez Forján, que cursa terceiro neste centro.

Adrián e Mariña Castro Reboiras, de 1º e 6º de primaria do CPI Os Dices, gañaron na categoría de 5º e 6º de educación primaria. Houbo dous segundos premios: un deles foi colectivo e recaeu en Nerea González Tubío, Anxo Castro, Rocío López, Andrea Suárez e Nerea Oviedo, que fan 6º no Pumar. O outro levouno Sabela Becerra Vaamonde.

Por último, Carmen Vidal Bustelo, que fai terceiro de secundaria nos Dices, proclamouse campiona na categoría de 3º e 4º de ESO. 

O alumnado premiado será agasallado cun lote de libros. Todas as participacións serán recoñecidas así mesmo cun diploma acreditativo. Tanto os libros como os diplomas levaranse aos centros educativos e serán os equipos docentes quen os entreguen ao seu propio alumnado como medida de precaución por causa da Covid.