A actuación do dúo musical Eva e Camilo o sábado 16 de maio en Costa marcará o inicio da programación de Cultura Dispersa 2026, o programa co que o Concello de Rois apoia as festas das doce parroquias do municipio. A maior parte das actuacións concentraranse durante o verán, en paralelo ás celebracións das festas parroquiais.
A programación continuará no mes de xuño, coincidindo coa celebración de San Xoán, cunha proposta musical en Buxán o mércores 24, a cargo de CDC DJ Truck.
Durante o mes de xullo desenvolveranse dúas novas citas. O sábado 4, Herbogo acollerá a actuación do Trío Rosel, mentres que o sábado 18 a Charanga Os Celtas participará nas celebracións de Ribasar.
O mes de agosto concentrará boa parte das actividades. O domingo 2, Os Jaitas Blue estarán en Augasantas e o venres 7 Os Retranqueiros de Ames actuarán en Rois. A programación continuará o martes 11 en Seira con Xoldra e o sábado 15 en Urdilde cunha alborada a cargo dos Viqueiras de Ordes. Dous días despois, o luns 17, Oín contará con inchables para a cativada. Xa a finais de mes, o domingo 30, Leroño recibirá de novo ao dúo Eva e Camilo.
En setembro celebraranse as últimas citas do programa. O domingo 6, OCT Chorima actuará en Ermedelo e repetirá o domingo 20 en Sorribas, pechando así a programación deste ano. O Concello de Rois destaca a colaboración das comisións de festas e das asociacións veciñais na organización das actividades, que permiten achegar propostas culturais a todo o territorio municipal ao longo de varios meses. O programa conta tamén coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

















