
O Concello de Rois presenta a programación de Rois no camiño das Letras, a iniciativa cultural coa que celebra o mes das Letras Galegas, que ao longo de maio encherá o municipio de propostas para todos os públicos, combinando tradición, creación contemporánea e dinamización da lingua galega.
O extenso programa desenvolverase entre o 8 e o 31 de maio, en paralelo á celebración das festas patronais do Santo Isidro Labrador, e permitiralles a veciñanza e visitantes gozar, de balde, de música, literatura, deporte, teatro e dunha exposición.
A iniciativa botará a andar o venres 8 de maio coa celebración do Serán da Lingua, unha cita coa música tradicional que terá lugar no campo da festa de Rois desde as 18.00 horas e que contará coa participación das agrupacións Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima; as Cantareiras das Amas de Casa de Rois; as Repeniqueiras de Urdilde; as Pandeireteiras de Ermedelo; Pan de Tres; a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón e a Escola Municipal de Pandeireta de Brión. A xornada rematará cunha gran chocolatada.
A seguinte cita destacada será o domingo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, coa celebración da 𝐕𝐈𝐈 𝐀𝐧𝐝𝐚𝐢𝐧𝐚 𝐝𝐨 𝐒𝐚𝐧𝐭𝐨 𝐈𝐬𝐢𝐝𝐫𝐨 𝐋𝐞𝐭𝐫𝐚𝐬 𝐆𝐚𝐥𝐞𝐠𝐚𝐬. A actividade inclúe un percorrido de 11 quilómetros con coplas da tradición oral de Rois. A recollida de dorsais será ás 8.30 horas e a saída ás 10.00 horas desde o polideportivo de Urdilde. As inscricións permanecerán abertas ata o 13 de maio en www.emesports.es.
A música volverá ser protagonista a finais de mes cos Concertos de Primavera da Escola municipal de música de Rois, que se celebrarán no auditorio os días 30 e 31 de maio ás 19.00 horas.
No ámbito expositivo, o edificio multiúsos acollerá ao longo do mes unha mostra dedicada á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026, a xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño, contribuíndo así á divulgación da súa obra e figura.
A programación complétase co Certame Literario Lois Aldegunde, aberto a relatos breves e poesía, cuxo prazo de presentación de traballos permanecerá aberto ata o 30 de setembro.
Centros educativos
Dentro da iniciativa Alinguamos cos centros educativos, o Concello inclúe na programación de Rois no camiño das Letras diversas iniciativas dirixidas ao alumnado do municipio.
É o caso dos espectáculos teatrais Nas nubes, de Redrum Teatro; A maxia dos libros, unha representación única onde Nami e O Mago da Boina dan vida a diversos fragmentos dos libros de Crónicas do Mago Errante, e O monstro de cores, da compañía A Xanela do Maxín, que terán lugar no auditorio municipal os días 18, 20 e 22 de maio.
A iniciativa Rois no camiño das Letras Galegas conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e enmárcase nas actividades de dinamización lingüística impulsadas a nivel local.
Programa completo do mes de maio:

















