Xantar popular con 700 persoas, na edición do ano pasado.

O Concello de Rois celebrará o venres 15 de maio o día grande das Festas do Santo Isidro Labrador cun programa que combina tradición, recoñecementos e propostas de lecer ao longo de toda a xornada. José Luis Franco Pérez recibirá a homenaxe Santo Isidro Labrador pola súa traxectoria á fronte da taberna A Carballeira durante unha festa da que será pregoeiro o creador de contido Gabi García Calvo.

Os actos comezarán ás nove da mañá co lanzamento de bombas de palenque e cunha alborada en Urdilde e Rois a cargo do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima. Ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne cantada na igrexa parroquial de San Mamede de Rois.

A partir das 14.00 horas desenvolveranse no pavillón de Rois os actos centrais da festa. O alcalde, Ramón Tojo Lens, será o encargado de presentar o evento, no que intervirá como pregoeiro Gabi García Calvo, creador de contido en galego e veciño do municipio. No mesmo acto entregarase o premio ao cartel anunciador das festas, que nesta edición corresponde á obra de María Dolores Busto Beade.

O momento principal será a homenaxe Santo Isidro Labrador a José Luis Franco Pérez, rexente da taberna A Carballeira, na parroquia de Sorribas. O establecemento abriu as súas portas no ano 1979 e desde entón mantén unha actividade continuada vinculada á vida da contorna. Ao longo de máis de corenta e cinco anos, José Luis Franco desenvolveu o seu traballo neste negocio familiar, que se consolidou como lugar de encontro para a veciñanza e como espazo de relación social no medio rural.

Como en edicións anteriores, o Concello tamén homenaxeará os seus centenarios. Este ano son tres: José Vázquez Castaño de Infesta, na parroquia de Rois; María Josefina Pérez Freire de Liñares, na de Costa, e Avelina Novo Amarelle da Calle, na parroquia de Urdilde.

Tras os actos institucionais, ás 15.00 horas, celebrarase o xantar popular no polideportivo de Rois. As persoas interesadas en asistir deberán retirar a súa entrada no Concello de Rois ata o 11 de maio, previo pagamento na entidade bancaria. O prezo será de 15 euros para veciños e veciñas de Rois, 10 euros para nenos e nenas do municipio de 10 anos ou menos e 30 euros para persoas non empadroadas.

A programación da tarde continuará no recinto do CPI Plurilingüe Os Dices, onde haberá unha sesión de música e animación con actuación de Antonio Barros e Ialma. O espazo contará tamén con inchables, xogos e obradoiros dirixidos a diferentes idades. A partir das 23.00 horas, o campo da festa acollerá a verbena coa orquestra Saudade e a disco móbil Apocalipsis.

Programación deportiva

As festas do Santo Isidro inclúen tamén citas deportivas en datas próximas ao día grande. O sábado 9 de maio celebrarase o XIX Premio Ciclista do Santo Isidro, Trofeo Suso Blanco Villar, a partir das 16.00 horas, con participación das categorías cadete e júnior, tanto en modalidade masculina como feminina.

O domingo 17 de maio terá lugar a VII Andaina do Santo Isidro Labrador, que coincide coa xornada das Letras Galegas. A saída está prevista para as 10.00 horas, con recollida de dorsais desde as 8.30 horas no pavillón polideportivo de Urdilde. As inscricións deberán formalizarse a través da páxina web www.emesports.es.

Punto Lila

O Concello de Rois instalará un Punto Lila durante a celebración da festa o venres 15 de maio, tras a experiencia da edición anterior. Estará situado nunha carpa a pé do campo da festa e funcionará entre as 00.00 e as 3.00 h como espazo de información e apoio. Nel ofreceranse recursos en materia de igualdade e atención confidencial ante posibles situacións de acoso ou agresión, co obxectivo de contribuír a que a celebración se desenvolva nun ambiente de respecto e convivencia.

Programa completo do mes de maio: