Coincidindo co comezo do curso, Xunta e empresa Monbus lembran que dende o pasado mes de maio todas as rapazas e rapaces galegos menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes interurbanas gratis ao mes no transporte público de Galicia sexa cal sexa a orixe e o destino.
Deberán dispoñer para iso dunha Tarxeta Xente Nova (TXN) e, para conseguila, haina que solicitar nalgunha das oficinas de Abanca habilitadas en cada provincia. No caso de ser menor de 18 anos, esta solicitude haberá de facela o representante legal.
Unha vez en posesión da tarxeta, as persoas beneficiarias terán que cargarlle cartos nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas que a expiden. Pode facese en efectivo, con tarxeta, co móbil ou coa banca electrónica.
As viaxes realizadas pagaranse no momento coa Tarxeta Xente Nova e posteriormente a Xunta reintegrará o importe na mesma tarxeta, para o que haberá que aceptar a recarga nun caixeiro de Abanca. A bonificación das viaxes da primeira quincena dun mes estará dispoñible a partir do día 5 do seguinte mes e as da segunda quincena poderán aceptarse a partir do día 20.
As tarxetas están dirixidas a cativas/os e mozas/os de entre 4 e 21 anos. Ata os 3 anos, o transporte público en Galicia é gratuíto.
Na web https://xentenova.monbus.es pode consultarse toda a información sobre a Tarxeta Xente Nova e as súas vantaxes, o listado das sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello.