O verán despídese esta semana coa entrada do outono. E con el remata tamén o programa Cultura dispersa co que o Concello de Rois levou actuacións musicais, espectáculos de maxia, teatro e monólogos polas doce parroquias do municipio coincidindo coa celebración de festas parroquiais. En total 750 persoas asistiron a estes espectáculos dende o pasado 16 de maio. O alcalde, Ramón Tojo, agradece de xeito especial “a imprescindible colaboración das comisións de festas e de Protección Civil” nesta segunda edición de Cultura dispersa.
A actuación da Banda da Escola de Música de Rianxo nas festas de Sorribas o pasado domingo foi o último concerto desta tempada. Unha actuación que emocionou a moitos dos asistentes, que escoitaron con atención o concerto que se celebrou no entorno da igrexa parroquial, no campo do Viacrucis de Sorribas. Especialmente emotivo, houbo a quen se lle escapou algunha vágoa, foi o momento no que a banda tocou o Himno galego durante a celebración da misa.
E se o domingo Sorribas pechaba o Cultura dispersa deste ano, o sábado a máxima de Pedro Bugarín engaiolou á veciñanza de Buxán, nun espectáculo no que máis dunha persoa tentou descubrir o segredo do mago para facer desaparecer (ou aparecer) algúns obxectos.
Deste xeito poñíase punto e final á segunda edición de Cultura dispersa un programa posto en marcha polo Concello de Rois para animar as festas parroquias e permitir que toda a veciñanza do municipio puidese gozar de espectáculos culturais (música, teatro, maxia, monólogos) nestes tempos de pandemia non que todos debemos evitar as aglomeracións.
A resposta da veciñanza foi boa. Nos doce espectáculos celebrados dende o 16 de maio (o primeiro foi en Costa), 750 persoas presenciaron en directo as diferentes propostas deste programa, desenvolvido en colaboración coas comisión de festas parroquiais coa colaboración de Protección Civil de Rois.