O Concello de Rois vai actualizar as ordenanzas reguladoras que fixan os prezo públicos pola utilización dos pavillóns polideportivos e tamén da piscina municipal de Senra, e a que establece as tarifas por acudir á Escola Municipal de Música. A proposta foi aprobada no pleno de hoxe cos votos a favor do equipo de goberno (PP) e a abstención da oposición (PSdeG e BNG). O obxectivo é adecuar as tarifas ao custo real dos servizos, tendo en conta que a ESMU mantén os mesmos prezos dende 2012 e os pavillóns dende finais de 1998. A piscina de Senra, na que se acaba de facer unha ampla reforma, estrea ordenanza e deixará de ser gratuíta o próximo verán.  As ordenanzas someteranse agora a exposición pública durante 30 días.

No caso da Escola Municipal de Música, a proposta de acordo recoñece que dende setembro de 2012 (data da última ordenanza) os custos de funcionamento duplicáronse (subiron arredor dun 110%) e que o número de alumnado case se dobrou (aumentou nun 88%).

A ordenanza aprobada hoxe en pleno establece que a matrícula na Escola de Música será de 30 euros por curso, e os prezos das clases (en función das materias e das horas semanais de atención) oscilará entre os 15 e os 50 euros mensuais.

A propia normativa establece xa unha serie de bonificacións que oscilan entre o 5% e o 15% segundo diferentes criterios, como o pago do curso completo, a matrícula de varios membros da unidade familiar ou para o caso de familias numerosas, monoparentais ou de persoas con discapacidade superior ao 33%.

Polideportivos e ximnasio municipal

Para o uso dos polideportivos municipais (que non actualizaran o prezo dende 1998) a ordenanza establece un prezo de 12 euros a hora no caso de deportes colectivos ou de equipo e de actividades de máis de 4 persoas. Para deportes individuais ou de parella (ata 4 persoas) o prezo será de 8 euros/hora. Por utilizar un día completo un pavillón deberán aboarse 100 euros. 

Estas tarifas non se aplicarán cando se usen as instalacións para campionatos escolares, actividades de carácter benéfico, organizadas polo Concello ou polos centros educativos durante o horario escolar. A utilización tamén será gratuíta para as entidades locais, ou no caso de actividades de interese social ou deportivo municipal.

A ordenanza mantén o uso gratuíto do ximnasio municipal, aínda que establece que as persoas interesadas en utilizado deberán solicitar un carné individual que terá un custo de 50 euros por tempada.

Piscina de Senra

A piscina municipal de Senra, que acaba de abrirse recentemente despois dunha profunda remodelación estreando un área para bebés, tamén contará a partir de agora cunha ordenanza que regula o prezo polo acceso ao recinto. O obxectivo é equilibrar os custos de funcionamento cos ingresos previstos procedentes doutas administracións e a estimación de usuarios.

Os prezos aprobados en Pleno entrarán en vigor o vindeiro verán e variarán en función de si as persoas usuarias están empadroadas en Rois o noutros concellos.

As persoas empadroadas no Concello de Rois poderán solicitar un carné para a campaña de verán que terá uns prezos simbólicos. Ata 10 anos, o acceso será gratuíto co carné, e as persoas maiores de 10 anos pagarán 5 euros pola campaña de verán. Tamén se establece un carné familiar, por un prezo de 12 euros para todo o verán.

As persoas doutros concellos ou as empadroadas en Rois que non dispoñan de carné deberán aboar os seguintes prezos: 1 euro ao día se teñen de 4 a 10 anos, e 2 euros diarios as maiores de 10 anos. O acceso será gratuíto para menores de ata 3 anos.

A ordenanza establece unha bonificación do 15% no caso de familias numerosas, monoparentais ou de persoas con algunha discapacidade superior ao 33%.

Os membros de Protección Civil e as persoas voluntarias terán acceso libre á piscina para o desempeño das súas funcións de vixilancia, protección e seguridade, e das tarefas de solidariedade cidadá en beneficio da comunidade.

As tres ordenanzas someteranse agora a exposición pública durante 30 días, para que as persoas interesadas poidan presentar alegacións.

Por outra banda, o Pleno rexeitou a moción presentada polo BNG que recollía as reclamacións da CIG dentro da campaña “Stop precariedade, traballo digno’. O PP votou en contra (8), e o PSdeG (2) e BNG (1) votaron a favor.