Un total de 30 nenos e nenas participaron na terceira quenda do Diververán, o campamento de ocio e tempo libre organizado polo Concello de Rois durante a época estival. Excursións e xogos de auga foron as actividades estrela desta primeira quincena de agosto, nun programa de actividades no que non faltaron os contacontos, as manualidades e, sobre todo, a diversión.

Desta volta, as actividades do Diververán desenvolvéronse no CEIP O Pumar de Urdilde. Os participantes no campamento, nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, convertéronse en superheroes e superheroínas, fabricando por si mesmos a indumentaria apropiada para tal fin. Continuando coa temática da fábula, realizaron unha excursión á senda mitolóxica do Monte Viso, en Santiago de Compostela.

Ademais, puideron gozar do mundo imaxinario das narracións de Caxoto Contacontos, nunha actuación ao aire libre. O bo tempo favoreceu que os xogos de auga se converteran nunha das actividades máis celebradas desta terceira quenda do campamento de verán de Rois.

O Diververán contou en xullo con máis de 150 participantes e continúa nesta segunda quincena de agosto cun total de 25 nenas e nenos. O obxectivo é o mesmo ca en edicións anteriores: favorecer o ocio, a aprendizaxe e a conciliación da vida laboral e familiar.