Os alcaldes da Asociacion de Concellos do Camiño da ría de Muros Noia reuníronse o pasado luns co Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, para abordar distintos aspectos relativos ao Camiño da Ría de Muros Noia que son competencia de organismos estatais.
Á reunión asistiron por parte da Asociación de Concellos Teresa Villaverde (Alcaldesa de Lousame e Presidenta da Asociación de Concellos do Camiño de Muros Noia), Santiago Freire (Alcalde de Noia), Inés Monteagudo (Alcaldesa de Muros), Pablo lago (Alcalde de Brión), Luís Oujo (Alcalde de Porto do Son), Manuel Lens (Concelleiro de Turismo de Ames) e Manuel dos Santos (Concelleiro de Turismo de Rois). Por parte da Delegación do Goberno, a reunión estivo encabezada polo Delegado e asistíu tamén a xefa do seu gabinete, Isabel González.
En palabras da presidenta da Asociación de Concellos do Camiño, Teresa Villaverde, “a reunión tiña dous obxectivos: presentarlle ao Delegado, como representante do goberno en Galicia, a Asociación e o estado do Camiño da Ría de Muros Noia. E informalo das xestións que se ían a por en marcha fronte a organismos estatais no ámbito das infraestruturas viarias, Instituto Nacional de Estadística, Instituto Geográfico Nacional e Correos, relacionadas co Camiño”.