20201216 Rois Postais Nadal 2020Anxo Fabeiro Domínguez, alumno de 3º de Infantil na Galiña Azul; Xiao Miguéns Castro, que cursa 5º de infantil no CPI Os Dices; Lía Seco Ares, estudante de 2º de primaria no CEIP O Pumar de Urdilde; Carla Becerra Vaamonde, alumna de 3º de primaria tamén no Pumar; e Uxía Fabeiro Vázquez, de 5º de primaria do mesmo centro, levaron os cinco premios do Concurso de Tarxetas de Nadal de Rois nas súas respectivas categorías.

Non o tivo nada fácil o xurado para escoller este ano as postais vencedoras da terceira edición do concurso. Destacou o nivel exhibido en todas as creacións e unha participación que marcou un novo récod, con 150 traballos recibidos.

Tamén foi difícil seleccionar entre as tarxetas finalistas a que empregará o Concello para felicitarlle estas datas á veciñanza. Tras arduas deliberacións, imprimirase a de Lía Seco para chegar a todas as casas de Rois.

Os cinco premios entregaranse a vindeira semana, coincidindo coas vacacións escolares. O resto dos participantes recibirá un diploma acreditativo.

Tanto o xurado coma o Concello queren transmitirlle os seus parabéns aos pequenos artistas, ao equipo docente e ás familias polo gran e fermoso traballo realizado.