• As persoas beneficiarias foron seleccionadas polo departamento municipal de Servizos Sociais 

  • Serán distribuídas a vindeira semana

“Aínda que viva en Bertamiráns, eu son de Rois e teño aquí a toda a miña familia”. José Sar García, natural da parroquia de Augasantas, ten moi presente o seu lugar de nacemento e, por iso, non se esqueceu do seu concello cando pensou levar a cabo varias iniciativas solidarias neste Nadal para que toda a veciñanza poida desfrutar das festas.

Unha das súas propostas levará ás familias máis vulnerables do municipio 25 caixas con produtos típicos destas datas navideñas, así como bebidas sen alcol e mesmo iogures. A outra consistirá en repartir tamén nas casas con menos recursos un menú para a Noiteboa: aperitivos, vieiras e tenreira asada para os maiores e pizza e pasta para os pequenos. Os pratos, que se comezarán a distribuír dende o mediodía, están pensados para que sexan doados de quentar.

Estas iniciativas levaranse a cabo en colaboración con Servizos Sociais do Concello de Rois. Foi este departamento quen elixiu aos beneficiarios das caixas e dos menús e tamén quen se encargará da súa distribución.

Propietario das cafeterías Val da Maía e Fénix en Bertamiráns, José Sar desenvolve estes proxectos solidarios a nivel persoal coa axuda das casas distribuidoras coas que traballa.

Nos seus establecementos ten en marcha unha iniciativa máis ata o 22 de decembro. Primeiro, convida os veciños e veciñas a comprar vales de regalo no comercio local de Ames. Despois, as persoas que deixen eses vales nas súas cafeterías levan unha pizza gratis. E, por último, José entrega os bonos a Cáritas de Ortoño para que lles merquen agasallos aos nenos e nenas das familias en situación máis vulnerable.

Ademais, José reparte caixas e menús tamén en Bertamiráns. En total, contando cos de Rois, a súa solidariedade chegará este ano ao redor de 150 familias.