-
A cativada pode descargar a carta modelo para escribirlle a Papa Noel, ao Apalpador ou aos Reis Magos
-
Recibirá resposta ás súas cartas por correo electrónico e poderá falar cos Reis Magos por videochamada
-
O Concello anima á veciñanza a facer as rutas de sendeirismo de Castro Lupario e das Penicias á procura de bois de pedra
-
Desenvolveranse en liña o concerto da Escola de Música, o torneo de xadrez ou os obradoiros de Nadal
O Concello de Rois desenvolverá este Nadal un amplo programa de actividades, ao que se unirán novidosas iniciativas encamiñadas a facer que, malia á pandemia e ás restricións impostas para combatela, a cativada poida vivir coa ilusión de sempre estas datas máxicas. Poderán falar por teléfono cos Reis Magos e tamén gozar de obradoiros virtuais, xadrez, música, a lectura ou andainas.
Ao non estar permitidas as reunións, este ano non poderán facerse os encontros con Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos. Pero iso non significa que non vaian visitar a toda a rapazada de Rois. De feito, comprometéronse a contestar todas as cartas que nenos e nenas descarguen no arquivo adxunto a esta mesma nova e que envíen cubertas cos seus desexos ao enderezo cultura@rois.es. Poden cubrila no ordenador ou, se o prefiren, tamén poden imprimila.
Outra cita ineludible é a dos Magos de Oriente. As Súas Maxestades chamarán nas vésperas de Reis a toda a cativada que concerte unha cita coas Súas Maxestades chamando ao 981 816 061.
As crianzas censadas en Rois e nadas entre os anos 2009 e 2020 recibirán así mesmo un agasallo na súa casa. Celadores e alcaldes de barrio actuarán como paxes e lles entregarán tamén a todas as familias a felicitación de Nadal, a revista Debullar con toda a información da actividade municipal ao longo do presente ano e o almanaque de Rois para o vindeiro 2021.
As vacacións inaugúranse coa entrega de premios dos concursos de tarxetas e de contos de Nadal a vindeira semana, cando remata o cole. Na tarde do día de Noiteboa, o espíritu navideño estenderase por todo o municipio co concerto de Nadal da Escola de Música de Rois, que poderá verse a través da canle de Youtube do Concello a partir das 19:00 horas.
Toda a veciñanza está convidada a facer deporte nestas datas. Por un lado, participando no torneo de xadrez en liña que terá lugar os días 28, 29 e 30 de decembro de 11:00 a 12:00 horas e que outorgará trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas.
Por outro lado, saíndo á procura do boi de pedra esculpido por Camilo Seira e colocado en cadansúa das dúas rutas de sendeirismo roisenses: a do Castro Lupario e a das Penicias. Os camiñantes que atopen algún deles e suban a Facebook unha foto ao seu carón etiquetando ao Concello de Rois e usando os cancelos #buscaoboi e #nadalrois entrarán no sorteo dun dos bois que se efectuará o 4 de xaneiro. Pódese saír na busca dos animais a partir do 24 de decembro.
O tempo para os contacontos, os obradoiros de manualidades ou as cancións chegará cos talleres de Nadal en liña que terán lugar na canle de Youtube do Concello a partir das 12:00 horas e de luns a venres entre o 28 de decembro e o 5 de xaneiro.
Así mesmo, o Concello anima á mocidade a gozar da lectura compartindo na súa páxina web unha listaxe das publicacións recomendadas polas bibliotecas escolares e a municipal. Estes títulos, recorda, poden servir de inspiración no caso de ter que facer un agasallo de Nadal.
A programación para todos os públicos volve á canle de Youtube entre os días 28 e 30 de decembro, cando estará dispoñible na rede o espectáculo de pompas de xabón Os fabulosos cleaners que se representou no Auditorio o pasado 11 de decembro pero que axiña tivo que colgar o cartel de completo por causa das restricións de aforo.