-
O programa destinado a concellos de menos de 5.000 habitantes recibiu na última convocatoria 213 solicitudes de axuda
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, visitaron esta mañá o lugar de Contimundi, na parroquia de Rois, que está a rehabilitar unha parella do municipio que se acolleu ao programa de axudas á adquisición de vivenda por menores de 35 anos en municipios con menos de 5.000 habitantes. Durante a visita, Ángeles Vázquez explicou que na convocatoria que rematou o pasado 30 de setembro, este programa da Xunta de Galicia recibiu 213 solicitudes.
Na actualidade, o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a revisar a documentación presentada por cada solicitante co fin de conceder axudas polo importe total da convocatoria, 800.000 euros, sempre e cando se cumpran os requisitos marcados na orde.
En Cuntimundi, a conselleira visitou a vivienda que mercou unha parella, cunha axuda deste programa da Xunta, e que está rehabilitando coa colaboración de amigos e familiares para trasladarse a vivir nela.
Ángeles Vázquez sinalou que a Xunta puxo en marcha este programa de axudas a compra e vivenda en municipios de menos de 5.000 habitantes no ano 2018. Nas dúas primeiras convocatorias concedéronse 221 axudas por un importe de case 1,5 millóns de euros. Na convocatoria que rematou o pasado 30 de setembro recibíronse 213 solicitudes de axuda.
Nese sentido, destacou que este programa do Goberno galego representa unha oportunidade para a recuperación e o impulso de 215 concellos rurais; pois non só se facilita a emancipación da mocidade galega, ábreselles unha fiestra para acceder a un vivenda para fogar, é dicir, lóitase contra o despoboamento do rural.
Aclarou que tamén se actúa no eido urbanístico e na recuperación do patrimonio xa que as vivendas adquiridas están, en certos casos, deshabitadas e en desuso e os novos propietarios daranlle uns novos coidados e executarán obras de mellora nas mesmas.
A conselleira defendeu que con este tipo de axudas se axuda aos concellos máis pequenos, se promove a recuperación do patrimonio, do xa construído, e se pon en valor as vilas galegas, ao tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda. Lembrou que o IGVS tamén ten unha liña de axudas similar a estes, pero para adquirir inmobles nos conxuntos históricos.