-
O Concello de Rois participa nunha experiencia piloto desenvolvida pola empresa galega Audicon
-
O traballo de 3 horas dunha persoa, reducido a 20 minutos grazas a un robot que realiza trámites repetitivos
Cando pensamos en robots imaxinamos unha máquina utilizada nunha industria de grandes dimensións. Porén, a empresa galega afincada en Santiago de Compostela Audicon vén de poñer en marcha catro robots que traballan como unha aplicación software replicando as tarefas dunha persoa, pero a velocidades moitísimo máis rápidas e, ademais, sen cometer erros. Así o explicou José Manuel Otero, socio de Audicon, durante a presentación desta experiencia pioneira, celebrada na Cidade da Cultura, en Santiago.
Esta tecnoloxía informática de automatización de procesos de negocio denomínase RPA (Robotic Process Automation) e utilízase para mecanizar e axilizar procesos administrativos repetitivos e case sempre tediosos, que lles ocupan moito tempo aos empregados públicos.
O Concello de Rois participou no primeiro ensaio piloto para probar esta tecnoloxía na súa administración e esta mañá o seu alcalde, Ramón Tojo, afirmou que “a experiencia na automatización de procesos resultou sumamente útil para optimizar os escasos recursos humanos cos que contan as administracións locais”. Tojo agradeceulle a Audicon que contase cun concello pequeno como o de Rois para ser “pioneiro a nivel nacional” na implantación deste proceso que, incidiu, “foi desenvolvido ademais por unha empresa galega”.
A interventora do concello, Begoña Collazo, explicou a implantación desta robotización no proceso de comunicación do orzamento anual do Concello ao Ministerio de Facenda, unha obriga legal que teñen todos os municipios. Este proceso leváballe á interventora unha media de oito horas (trátase de cubrir 12 formularios distintos na Oficina Virtual do Ministerio de Entidades Locais).
Co programa piloto aplicouse o RPA a cinco deses formularios, equivalentes a unhas tres horas de traballo da interventora. O desempeño foi realizado polo sistema en 20 minutos, o que supón arredor dunha décima parte do tempo dedicado pola interventora anteriormente, e isto permitiulle centrarse noutras tarefas de maior valor engadido. Incidindo nesta idea, Ramón Tojo resaltou a utilidade deste robot porque “se os funcionarios non teñen que realizar moitas destas tarefas repetitivas, poderán dedicarlle máis tempo a prestarlle outros servizos á veciñanza”.
O sistema RPA está a probarse tamén a nivel provincial na Deputación de Badajoz e os responsables de Audicon esperan poder ampliar a súa implantación a outros concellos galegos e outro tipo de administracións públicas nos próximos meses.