O Concello de Rois e a Asociación socio-educativa Antonio Gandoy ofrécenlles ás familias con crianzas menores de tres anos a posibilidade de participar nun programa de encontro para facilitar o intercambio de experiencias e ferramentas educacionais. Ao igual que en cursos precedentes, realizaranse xuntanzas cunha periodicidade semanal e cunha duración aproximada de dúas horas.

A finalidade deste programa é poñer en valor o importante papel das familias como educadoras, proporcionando un lugar e un tempo nun ambiente axeitado para posibilitar o contacto entre meniños e meniñas e para que nais e pais poidan compartir, debater e reflexionar sobre a experiencia da crianza. Para iso, as familias estarán coordinadas por persoal da Asociación socio-educativa Antonio Gandoy, unha entidade composta por profesionais da educación que formaron parte do colectivo Preescolar na Casa.

O horario das actividades acordarase logo dunha primeira reunión, na que tamén se dará conta dos protocolos a seguir para a protección da COVID-19. As actividades terán un carácter semanal e serán cofinanciadas entre o Concello e a familia.

As familias interesadas en participar deberán anotarse telefonicamente nos Servizos Sociais do Concello de Rois (teléfono 981 804 109; extensión 3; persoa de contacto: Uxía).