Xa hai xurado e prazo de inscrición para participar na sexta edición dos Premios Youtubeiras, que queda aberto desde este martes 27 de setembro ata o 15 de novembro. Desvelouse esta mañá nun acto que tivo lugar en Pontevedra e no que tomou a palabra a concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, quen tivo como cometido desvelar as novidades das bases deste ano e celebrar o “compromiso inequívoco coa lingua” das doce institucións organizadoras, entre as que se atopan, ademais do Concello de Rois, os concellos de Ames, A Baña, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña.
Os premios, cuxas bases están publicadas xa na web www.youtubeiras.com, repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras, que se poderán presentar en oito categorías. Ás de canle, youtubeira/o, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público, súmase nesta ocasión a de youtubeira/o revelación. En canto a contía, todos os galardóns contarán cunha dotación de mil euros, agás o premio do público, que será de 500 euros. Ademais, e á diferenza da pasada edición na que se apostou pola continuidade, volverán admitirse vídeos de persoas que só teñan un traballo publicado.
Á parte de Victoria Quiroga, participaron na rolda de prensa o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña; o de Moaña, Aldán Santamaría; e a vicerreitora de Extensión Universitaria de Vigo, Susana Reboreda.
Alberto Oubiña subliñou que o proxecto desenvólvese nesta sexta edición baixo o lema “forte, enérxico e orgulloso” de Para rede, a nosa e que ten como obxectivo reforzar a formación e abrir novos espazos de aprendizaxe especializada para youtubeiras, incentivar a súa profesionalización e poñer en valor a súa figura, así como fomentar temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube ou visibilizar a creación na nosa lingua. “En definitiva, crear liñas de acción para que Youtubeiras sexan máis ca uns premios”, dixo.
Pola súa banda, Aldán Santamarina, concelleiro de Moaña, encargouse de expoñer as cifras da pasada edición dos premios, cando se esixiu ter alomenos cinco vídeos publicados para poder participar. Sinalou que se inscribiron un total de 44 canles e que as 38 que cumprían integramente as bases reunían unha produción de 2.613 vídeos. As subscricións totais destas canles superaban as 40.000, mentres que as visualizacións en conxunto ascendían a máis 2.743.000.
Santamarina tamén destacou que Youtubeiras acompañou a tendencia a alza na produción de contidos e que 202 vídeos da primeira edición en 2017 pasouse a 536 en 2020.
Por último, foi Susana Reboreda quen desvelou a composición do xurado, que estará formado por Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeira/o do ano na edición anterior, Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. O seu ditame darase a coñecer no mes de xaneiro durante unha gala de entrega que en edicións anteriores presentaron artistas como Patricia de Lorenzo, a compañía teatral A Panadaría ou Tanxugueiras.
Á rolda de prensa asistiron tamén en representación das institucións organizadoras Lorena Trillo, concelleira de Normalización Lingüística da Baña; Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística de Ames; a concelleira de Cultura de Ribadeo, Pilar Otero, e a concelleira de Normalización Lingüística de Teo, María López Álvarez.